O Concello de Xinzo de Limia abre este mércores, 1 de xullo de 2026, as súas piscinas municipais ao aire libre, dando inicio á tempada estival con horarios continuados durante os meses de xullo e agosto.
As instalacións deportivas estarán abertas ao público de luns a domingo, en horario de 12:30 a 20:30 horas. De cara a esta apertura, o consistorio realizou unha intervención de mantemento integral que consistiu na renovación dos bordos perimetrais dos vasos. Esta mellora, que substituíu as lousas deterioradas, busca evitar escorregóns e garantir a seguridade dos bañistas.
Ademais, o servizo de piscina climatizada tamén estará operativo durante o mes de xullo, concretamente de 07:00 a 12:00 horas. Este horario está destinado principalmente a persoas que requiren natación terapéutica. Cabe salientar que, durante o mes de agosto, este espazo permanecerá pechado para levar a cabo as labores anuais de desinfección e mantemento técnico.
En canto aos prezos, o Concello mantén as tarifas conxeladas respecto ao ano anterior:
- Entrada individual: Gratuíta para menores de 4 anos; 1,60 euros para nenos (4-16 anos) e maiores de 65; e 2,30 euros para adultos (16-65 anos).
- Abonos de tempada: 15 euros para menores de 16 anos e maiores de 65; 30 euros para adultos; e 60 euros para a modalidade de abono familiar.
O goberno municipal fai un chamamento á responsabilidade de veciños e visitantes para conservar o bo estado das instalacións, instando aos usuarios a seguir en todo momento as indicacións do persoal de socorrismo e control.