← Volver Dende A Limia

Un limiao na ponte cultural.

Un limiao na ponte cultural.

Fotografía de arquivo. A Limia News.

En Moaña, a vila na que resido durante o verán, apareceu un sábado de inverno. Sen querer, sen avisar e case que a traizón. O ceo cubriuse, tinxiuse de cinza pouco a pouco e, xa que logo, botouse a chover. Non é que chovese a cachón, nada diso. Unha poalla babuxenta, de pingas finísimas, tirou os paraugas, xa case esquecidos pola xente, do seu último acubillo. Para máis semellanza, faltaban postos na feira (aquí, hainas todos os sábados pola mañá, e tamén os mércores) tal coma no inverno, onde hai feirantes que non veñen agoirando que o mal tempo impedirá unha boa xornada de vendas.
Porén, o domingo amenceu luminoso, cun sol de verán que aquecía xa de mañá. Erguinme cedo e dediquei un par de horas á escrita. Pola fiestra aberta do cuarto onde escribo, sentado nunha cadeira que foi do meu avó Manatas, as palabras que xurdían na miña mente ían nacer no folio en branco da pantalla do computador. Dende os árbores veciños chegábanme os ruídos da mañá tranquila, o canto dunha rola e o chiar duns paxaros pequenos que aínda non fun quen de identificar.

Varias mostras de caretas da exposición
Ao mediodía, toda a familia fomos xantar a Vilanova de Cerveira, terras de Cervaria que así lle din por aqueles eidos, para despois, á volta, camiñar pola ponte internacional sobre o Miño e apreciar as actividades que se desenvolvían alí co IKFEM, o festival Tui-Valença, que principiou este ano cun marabilloso concerto na Fortaleza de Salvador Sobral e Marcos Mezquida o pasado xoves 17 de xullo. Lin as mellores críticas sobre este concerto, pois a estas cousas que caen en días de traballo a maioría das veces non cadra poder asistir. O festival acolle tamén durante varios días en distintos puntos de ambas as dúas cidades, outro tipo de actos culturais, como mesas redondas e debates.
A chuvia do sábado tivo a súa parte boa, pois a Ponte Creativa Enogastronómica prevista para ese día tivo que trasladarse ao domingo. A vella ponte de ferro acolleu actividades musicais, artesanía e mostras de cociña típica con degustación de produtos. Hai un espazo acondicionado como auditorio en cadanseu extremo da ponte, onde actúan alternativamente artistas emerxentes. Nese intre unha rapaza portuguesa daba un concerto no extremo daquel lado da raia e detívenme a escoitala. Cantaba cunha fermosa voz acompañada tan só pola guitarra que tocaba. Despois de varias cancións en portugués, cantou unha versión (os entendidos dinlle agora cover) dun tema clásico de Bob Dylan, Boots of spanish leather, que non puiden evitar gravar.
Foi unha delicia percorrer devagar ese traxecto da ponte, inzado de casetas expositoras e atopármonos nel coas máscaras do amigo Xusto Gude, fillo dun meu mestre de Xinzo, que conforman o proxecto Máscaras do mundo, merecente do Premio Talento Eurorexion 2024. Abeirando a pantalla do noso entroido, vin a máscara Kabuto Hannya de Xapón, o chocalheiro portugués de Bemposta, o guirrio de León, o careto luso de Podence, o dan chinés, o bali indonesio, o lechón da República Dominicana, o mamuthon da Cerdeña italiana, o guille do Binche belga, o jarramplas de Cáceres e moitas máis, entre elas case todas as típicas do entroido ourensán e galego. Unha exposición mestura de cores e formas que ninguén debería perderse, unha creación pola que o seu autor merece todos os parabéns. Por certo, había varias máscaras de diaño, con cara de poucos amigos. Gustaríame  pensar que foron elas as que espantaron á chuvia.
Rafael Laso Lorenzo 

Fonte: dendealimia.com

Ver noticia completa
Dende a Limia prensa local
Tamén che pode interesar
A Deputación de Ourense destina máis de 360.000 euros a infraestruturas en 13 concellos
Dende A Limia A Deputación de Ourense destina máis de 360.000 euros a infraestruturas en 13 concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou a concesión de máis de 360.000 euros en axudas para a cooperación con concellos, destinadas especificamente á execución de proxectos de infraestruturas. Detalle das axudas concedidas: Boborás: 18.000 € para a canalización e ensanche do viario de acceso ao Curro en Feás. Entrimo: 50.000 € para a mellora do tránsito peonil entre A Barreira e Feira Vella. A Gudiña: 34.000 € para a pavimentación en Erosa, Carracedo e na capital do municipio. M…
26 de mayo de 2026 2 min lectura
Sexta edición da Xurés Bike Tour: impulso ao turismo deportivo en Ourense
Dende A Limia Sexta edición da Xurés Bike Tour: impulso ao turismo deportivo en Ourense
A Deputación de Ourense, a través do Inorde e con o apoio da Xunta de Galicia, presentou a sexta edición da Xurés Bike Tour, unha proba de bicicleta de montaña que se celebrará os días 13 e 14 de xuño. O evento terá lugar nos concellos de Bande, Muíños e Lobeira, situados no corazón do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O obxectivo principal desta iniciativa é fomentar o turismo deportivo e sostible para dinamizar o territorio e poñer en valor os seus recursos naturais. Segundo o presid…
9 de junio de 2026 2 min lectura
A Asociación Algaria doa 500 euros en alimentos ao Banco de Alimentos de Xinzo
Dende A Limia A Asociación Algaria doa 500 euros en alimentos ao Banco de Alimentos de Xinzo
A Asociación Algaria, colectivo dedicado á defensa e promoción dos dereitos das persoas con mobilidade reducida, realizou unha nova doazón de 500 euros en produtos non perecedoiros (leite e aceite) ao Banco de Alimentos municipal de Xinzo. Este contributo provén dos fondos dunha rifa organizada de cara ao Sorteo de Nadal de 2025. Ante o feito de quedar deserto o premio previsto, a asociación decidiu reinvestir o importe íntegro en alimentos básicos para axudar ás familias con menos recursos da …
2 de junio de 2026 1 min lectura