Sonia Vidal, Portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG no Parlamento, reclama á Xunta que reactive e actualice o Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia cun calendario público de execución, orzamento e mecanismos de avaliación. A deputada insta ao Goberno do PP dar unha resposta integral aos problemas ambientais e produtivos da comarca e garantir o futuro das explotacións agrarias e gandeiras.Vidal denuncia que o Goberno do PP “coñece desde hai anos a situación da Limia” e conta cun instrumento de planificación para abordala, pero segue sen ofrecer unha resposta global que actúe sobre as causas dos problemas ambientais e acompañe o sector agrario na súa adaptación.“Se a Xunta impulsou ese plan foi porque sabía que a comarca precisaba unha resposta global”, advertiu Vidal, que considera insuficiente limitar as actuacións ao regadío ou á limpeza de canles. “Non confundamos unha obra cunha política integral. Non confundamos actuacións puntuais coa solución dos problemas estruturais da comarca”, subliñou.A portavoz do BNG de Gandaría e Agricultura reclama que o Plan Estratéxico “deixe de ser un documento sen compromisos verificables e se converta nunha ferramenta efectiva”, con medidas medidas concretas para a produción agrícola e gandeira, a xestión de residuos agrogandeiros e a sustentabilidade ambiental no territorio.A deputada nacionalista defende que a protección das augas e a viabilidade da actividade agraria deben abordarse de maneira conxunta, sen trasladar ás explotacións todos os custos da adaptación ambiental. Por iso, a iniciativa reclama asesoramento técnico e apoio económico suficiente, con especial atención ás explotacións familiares e ás pequenas e medianas explotacións.“Non se pode esixir que as explotacións se adapten a novas obrigas ambientais e despois deixalas soas para asumir os custos”, sinala a deputada, que aposta por unha política agraria que permita cumprir a normativa ambiental sen poñer en risco a continuidade da actividade produtiva e o emprego no rural.Para coñecer con rigor a situación da comarca, o BNG propón realizar un balance territorial de nutrientes que identifique as achegas de nitróxeno, a capacidade do territorio para aproveitalas e os posibles excedentes. Reclama tamén mellorar o control e a trazabilidade das dexeccións gandeiras e dos fertilizantes, así como garantir a participación das organizacións agrarias, cooperativas, concellos, comunidade científica e entidades ambientais nas decisións.A deputada ourensá reclama así mesmo, un informe das actuacións realizadas para cumprir a sentenza firme relativa á contaminación do encoro das Conchas, así como das medidas pendentes e do calendario previsto para avanzar na recuperación ambiental da conca do Limia.O BNG denuncia o voto en contra do PP á iniciativa na Comisión 7ª, e considera que a existencia de competencias doutras administracións non pode servir de escusa para eludir as responsabilidades da Xunta.“A Limia non precisa só regadío, nin só limpeza de canles, nin só un decreto. Precisa unha política integral que protexa as augas e garanta o futuro do seu sector agrario e gandeiro”, concluíu Sonia Vidal.
O BNG reclama á Xunta que saque do caixón o Plan Estratéxico da Limia e o dote de orzamento para garantir o futuro do sector
Fotografía de arquivo. A Limia News.