A Deputación de Ourense, a través do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), pon en marcha un ciclo de rutas de sendeirismo pola Vía da Prata entre Feces e Ourense. Esta iniciativa forma parte do proxecto «Camiño Vertical», cofinanciado polo programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) da Unión Europea, co obxectivo de promover o turismo sustentable e a dinamización económica do medio rural mediante a valorización dos itinerarios históricos e culturais do territorio.
O programa percorrerá máis de 90 quilómetros divididos en catro etapas, permitindo a participación tanto no ciclo completo como en etapas individuais, segundo a dispoñibilidade de cada camiñante. O itinerario previsto é o seguinte:
- 31 de maio: Feces – Verín (18,7 km).
- 7 de xuño: Verín – Xinzo de Limia (34,8 km).
- 14 de xuño: Xinzo de Limia – Allariz (20,8 km).
- 21 de xuño: Allariz – Ourense (22,6 km).
As inscricións poden realizarse a través da páxina web de Conoce Galicia ou mediante o teléfono 988 253 359.