O Concello de Rairiz de Veiga viviu este mércores, 4 de novembro, un pleno marcado pola tensión e a incerteza política no que finalmente saíu adiante a moción de censura presentada contra a alcaldesa, Asunción Morgade, do Partido Socialista.
A votación rematou con cinco votos favorables á moción de censura e dous en contra, polo que a iniciativa quedou aprobada e abre a porta a un cambio no goberno municipal, coa proposta de Camilo Fernández Freire, concelleiro do Partido Popular, como novo candidato á Alcaldía.
Os dous votos contrarios á moción foron os de Asunción Morgade, actual alcaldesa e integrante do PSOE, e Juan Gómez, tamén concelleiro socialista.
Pola contra, votaron a favor da moción de censura Daniel González Ferreiro, concelleiro do PSOE e integrante do equipo de goberno da propia Morgade; Camilo Fernández Freire e Rubén Caíz Nieto, ambos os dous do Partido Popular; e Juan Antonio Rivero Abuín e Pablo Campos Montero, concelleiros do Bloque Nacionalista Galego.
Voto a favor da moción de Daniel González. | FOTO: Noelia Caseiro.
A incerteza pola notificación a dous concelleiros
A sesión estivo marcada tamén por momentos de incerteza debido aos problemas relacionados coa notificación da convocatoria a dous concelleiros socialistas: Manuel Carnero Saburido e Cristina Gándara Muiños.
Segundo a información coñecida durante o proceso, ambos os dous non recibirían a notificación en tempo e forma, unha circunstancia que xerou dúbidas sobre a continuidade e viabilidade da moción de censura e fixo que, por momentos, parecese que a iniciativa podía non chegar a prosperar.
Esta situación engadiu aínda máis tensión a un pleno que concentraba a atención política de Rairiz de Veiga e no que estaba en xogo o futuro da Alcaldía. Finalmente, a votación celebrouse e a moción de censura foi aprobada cos cinco votos favorables fronte aos dous contrarios.
Votos a favor da moción da censura dos concelleiros do Partido Popular e do BNG. | FOTO: Noelia Caseiro.
Un cambio político no goberno municipal
O resultado supón un importante xiro no escenario político de Rairiz de Veiga. A moción de censura, apoiada por representantes do PP e do BNG, contou tamén co voto decisivo dun concelleiro socialista que formaba parte do equipo da alcaldesa.
Camilo Fernández Freire queda así como candidato proposto para asumir a Alcaldía, á espera dos trámites correspondentes para materializar o cambio de goberno.