O Concello de Xinzo e o Antela F.C. organizan este venres, 26 de xuño, unha gran festa popular para recoñecer o ascenso do equipo á Terceira Federación.
A celebración comezará ás 21:00 horas, momento no que o cadro de xogadores, o corpo técnico e a directiva iniciarán unha ruada nun autobús descapotable que partirá desde a Casa do Concello. O obxectivo é percorrer as principais rúas da localidade para compartir este éxito deportivo coa veciñanza.
O itinerario oficial da comitiva será o seguinte:
- Saída desde o Concello cara á rúa Curros Enríquez.
- Percorrido polas rúas do Cruceiro, Marcelo Macías e a avenida de Ourense ata a rotonda do Pombal.
- Regreso pola avenida de Ourense en dirección á Praza Maior.
- Continuación polas avenidas de Madrid e Portugal, rúa Rosalía de Castro, novamente avenida de Ourense e rúa Dous de Maio.
- Remate na rúa do Toural, na explanada habilitada para a festa.
O momento central da xornada terá lugar ás 21:45 horas. Nese intre, a Orquestra Pontevedra iniciará a súa actuación cun recibimento oficial aos futbolistas, que subirán ao palco para celebrar o ascenso co público asistente.