O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión con Santiago Ferrer, novo responsable da Fundación Aquae Querquennae Vía Nova, para revisar as liñas de colaboración que a institución provincial mantén coa entidade radicada en Portoquintela (Bande) e estudar as posibilidades de continuidade deste apoio. Durante o encontro, no que tamén participou a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, analizáronse diferentes ámbitos de cooperación, entre eles a colaboración en novas escavacións arqueolóxicas e as axudas destinadas ao financiamento da Fundación, tanto para a organización de actividades como para os seus gastos de funcionamento. Luis Menor destacou a importancia do xacemento para a provincia, ao constituír un espazo de referencia para coñecer e divulgar a súa historia e o seu pasado romano, así como un recurso de interese turístico para a zona. O presidente provincial referiuse tamén ao traballo desenvolvido durante os últimos anos ata chegar á situación actual do conxunto arqueolóxico e ao papel da Fundación na súa actividade cultural e turística. “O compromiso segue sendo total e estudaremos a posibilidade de incrementalo dentro das nosas posibilidades”, sinalou Luis Menor, quen cualificou o labor da entidade como “absolutamente capital no ámbito cultural e turístico para a provincia de Ourense”.
Menor e Santiago Ferrer analizan as vías de colaboración entre a Deputación e a Fundación Aquae Querquennae Vía Nova
Fotografía de arquivo. A Limia News.