A Deputación de Ourense aprobou un programa piloto, «TERnadal», dotado con 108.000 euros, para que os balnearios da provincia abran en decembro con actividades enfocadas á saúde emocional. A iniciativa busca desestacionalizar os balnearios e ofrecer un servizo a colectivos vulnerables durante as festas.
Os balnearios participantes poderán ofertar quendas de entre 5 e 20 días, personalizando as actividades para diferentes grupos, especialmente aqueles que sofren soidade. Unha quenda especial, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro, dirixirase preferentemente a persoas que experimentan soidade non desexada.
O presidente da Deputación, Luis Menor, destacou o programa como resposta a un compromiso adquirido para fomentar a apertura dos balnearios en decembro e impulsar o seu desenvolvemento económico. Nos vindeiros días anunciaranse as quendas dispoñibles unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia.