← Volver Dende A Limia

VINTE ANOS SEN ANTÓN TOVAR

VINTE ANOS SEN ANTÓN TOVAR

Fotografía de arquivo. A Limia News.

“E cando un home está moi triste, non por ter dor de moas ou por ter perdido diñeiro, senón porque algunha vez por un instante decátase de cómo é todo, cómo é a vida enteira e está xustamente triste …”
                                               [ Hermann Hesse: O lobo estepario ]
Van alá vinte anos do pasamento do poeta limiao. O 4 de xuño de 2004 soubemos da súa  entrada na morte devecida e pavorosa, para alén do tempo, que tanto atormentara a vida e habitara versos elevados (“A vida levo ó lombo desatada / e a desvivi-la morte aínda me atrevo / por non ter Deus nin eu e ser só nada.” A nada destemida). Foi o retorno ao acougo da non-existencia, á nada pracenteira. Entre tanto, aliviaban algo a melancolía das horas o fume dos cigarros Ducados e as palabras de alento dos amigos arredor da mesa de braseiro do apartamento do barrio de San Francisco ou no café do baixo da casa cando as pernas aínda respondían.
Ao longo deste tempo, que correu como vento desbocado polas searas fecundas da chaira, innúmeras entidades, públicas e privadas, véñense significando por reivindicar e difundir o legado literario do escritor: o Concello de Rairiz de Veiga, o Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo Etnolóxico da Limia, o Concello de Vilar de Santos, o Concello de Xinzo de Limia, o Consello da Cultura Galega, O Liceo de Ourense, o Ateneo de Ourense, o Parlamento de Galicia, o Pen Clube de Galicia, a Insua dos Poetas, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, etc.  No ano 2021, o Museo da Limia organiza diversas actividades para celebrar o centenario do nacemento do poeta da Pereira e, dous anos despois, envía á Real Academia Galega un moi completo expediente coa petición do Día das Letras Galegas para o escritor.
Das moitas persoas  que se teñen interesado polo creador e pola súa obra, a máis tovariana é o amigo e camarada, valedor incondicional, antes e despois do  pasamento, o escritor e catedrático Xesús Alonso Montero, artífice da edición de moitos dos libros de Antón Tovar, desde aquela  Poesía galega completa (1974) da editora Akal até os dous últimos libros publicados en vida do autor no ano 2001, o poemario Cadáver adiado e o memorialístico Diario dun vello revoltado, así como as súas xenerosas colaboracións en revistas e libros, tal que a Antoloxía poética (2023) promovida polo Museo da Limia e enriquecida con extenso e espléndido prólogo da súa autoría.
Sempre  agradecido á pequena patria labrega da Limia e á xente, transmisora do tesouro da fala, agarimo da alma, leal camarada,  Antón Tovar convértea en fermosa palabra poética, espiritualizada. El  fai verso reflexivo ou confesional relato da súa desamparada existencia, interior e exterior, así como da escura e represiva sociedade urbana de Ourense, mais tamén do paraíso marítimo da Lanzada, a onde ir despensar e namorar, fascinado pola melodía e polo abalar infatigábeis das ondas.

Concordamos co profesor Alonso Montero ao definir o poeta existencial como unha das voces líricas máis relevantes e auténticas da literatura galega e da literatura española da segunda metade do século XX. Por tan valiosa herdanza como nos deixou,  entendemos que chegou o momento de que Antón Tovar e a súa creación artística teñan o recoñecemento público e a difusión  de que son merecentes.

Fonte: dendealimia.com

Ver noticia completa
Dende a Limia prensa local
Tamén che pode interesar
Retrasos na recepción da segunda fase do parque empresarial por deficiencias técnicas
Dende A Limia Retrasos na recepción da segunda fase do parque empresarial por deficiencias técnicas
O Concello decidiu non asinar a recepción definitiva da segunda fase da ampliación do polígono industrial debido a diversas deficiencias técnicas detectadas tras unha inspección realizada xunto con técnicos municipais e as empresas colaboradoras Viaqua e Elite. Esta decisión comunicouse tanto á UTE encargada da obra como á dirección de obra da Xunta de Galicia. O obxectivo do consistorio é que se corrixan estas eivas antes de proceder á recepción, co fin de evitar futuros custos inasumibles par…
18 de mayo de 2026 2 min lectura
Accidente de tráfico en Sandiás: un camión de animais envorca na N-525
Dende A Limia Accidente de tráfico en Sandiás: un camión de animais envorca na N-525
Hoxe, arredor das 8:43 h, un camión que transportaba porcos envorcou no quilómetro 206.600 da estrada N-525, no concello de Sandiás, concretamente á altura do Restaurante Novaiño. Como consecuencia do sinistro, a carga de animais quedou solta sobre a via. Para xestionar a situación e recoller aos porcos, desprazaronse ao lugar os Bombeiros, a Garda Civil de Tráfico e o Servizo de Conservación de Estradas. Impacto: Non se rexistraron feridos no accidente.
3 de junio de 2026 1 min lectura
Resumo de resultados deportivos
Dende A Limia Resumo de resultados deportivos
Veteráns O partido do equipo de veteráns masculino contra Vila de Meire foi suspendido debido á alerta de tormentas que afectou a zona de Lugo. A pesar da suspensión, o equipo mantense en liza, restándolle dous xogos e a final de copa, para a que xa está clasificado. Cadetes As cadetes femininas (2011) tiven resultados mixtos este fin de semana: perderon o venres en Allariz, pero lograron a vitoria o domingo ante Depordima. Infantís Femininas 2012: Derrota ante Carmelitas, o que supón a súa…
27 de mayo de 2026 1 min lectura