← Volver La Región

Xinzo tivo a honra de nomear fillo adoptivo a Gonzalo Iglesias Sueiro

Xinzo tivo a honra de nomear fillo adoptivo a Gonzalo Iglesias Sueiro

Fotografía de arquivo. A Limia News.

O acto de nomeamento como fillo adoptivo de Gonzalo Iglesias Sueiro era ás 11,30 horas, pero moito antes o auditorio “Ángel Cocho” da Casa da Cultura de Xinzo de Limia estaba xa ateigado. Alí había amigos, familiares, representantes políticos do seu partido, pero tamén doutros. Ninguén quería perder a homenaxe dunha das figuras máis senlleiras e salientables da historia do pobo.

Porque o acto non só serviu para honrar o Iglesias que foi alcalde, profesor e director de colexio de Xinzo, senón tamén un dos seus habitantes máis queridos. Iglesias Sueiro subiu ao escenario emocionado, preludio de dúas horas de afecto, lembranzas e repaso a unha traxectoria exemplar nos eidos en que deixou a súa pegada: o educativo, o cultural e o político.
Alén disto, Gonzalo Iglesias colabora co xornal La Región dende o ano 2002, sendo unha das súas voces máis eruditas e preclaras, “que ilumina os sábados co seu artigo”, como apuntou o profesor Delfín Caseiro, quen tomou a palabra en primeiro lugar.

A continuación, o alcalde de Xinzo, Amador Díaz, mencionou que “con el aprendín a servir con humildade, honestidade e determinación”. O concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, afirmou que este era un “acto de xustiza”, e pasou a enumerar os aspectos máis destacados do expediente de honra levado a pleno o pasado 19 de abril, e que foi aprobado por unanimidade.

Os fillos Gonzalo e Yabsera acompañaron a seu pai no acto (foto: Martiño Pinal).

Seguidamente, proxectouse un emotivo vídeo con imaxes que repasaron non só a vida e carreira de Iglesias Sueiro, senón tamén a súa intimidade familiar, con fotos dalgunhas das súas viaxes, sempre na compañía da súa muller Lola e dos fillos, Gonzalo, Yabsera e Yibela.

A laudatio correu a cargo de Xesús Alonso Montero, amigo persoal do homenaxeado “dende o ano 1968”, catedrático de Lingua Galega e expresidente da Real Academia Galega. Montero non se esqueceu dos que “xa non están, Carlos Casares, Camilo de Dios e Antonio Rodríguez”, antes de insistir en que “é dificil atopar no xornalismo español artigos tan luminosos e aliñados coa causa do progreso, a dos máis desfavorecidos, como os do ‘vello milenario’”.
Díaz e Gómez fixeron entón entrega a Iglesias Sueiro da medalla conmemorativa e do título de “fillo adoptivo” da vila, poñendo en pé aos presentes, que se ergueron nun aplauso sincero ao antigo mestre e dirixente socialista.

O salón de actos limiao estivo completemente cheo (foto: Martiño Pinal).

E chegou o momento por todos agardado. Gonzalo Iglesias, xa “adoptado” pola vila á que chegou no ano 1975, pronunciou un discurso de fonda humanidade e coa retranca que o caracteriza. Afectado polo párkinson dende hai varios anos, Iglesias arrancou as risas ao pedir perdón por ser “peor orador do que antes”. Procedeu a agradecer a tódolos implicados acto, entre os que salientou a Alfonso Carlos Lois, principal promotor. Iglesias non quixo esquecerse de ningún “amigo nin compañeiro, tampouco dos que quedaron polo camiño”.
Iglesias Sueiro tirou de memoria para recordar a “militancia contra o franquismo”, que ilustrou con varias anécdotas. Parafraseando a Neruda, o exdelegado de educación da Xunta no goberno bipartito confesou que “eu vivín intensamente: aos 18 anos xa era mestre, e compaxinaba a vida educativa coa loita contra o fascismo, que tanto dano facía”.
Por último, mencionou a seu fillo, a quen quere “pola vida”, e ás súas “marabillosas” fillas. Entre aplausos de admiración, Xinzo deu a “benvida” a un dos seus cidadáns exemplares, demostrando que a historia das vilas constrúese con personalidades únicas e irrepetibles, benqueridas por todos, como a do “novo” limiao don Gonzalo Iglesias Sueiro.

Fonte: laregion.es

Ver noticia completa
A Limia La Region prensa
Tamén che pode interesar
Xinzo de Limia e Ponte de Lima celebran a XIV edición do "Abrazo ao Río Limia"
La Región Xinzo de Limia e Ponte de Lima celebran a XIV edición do "Abrazo ao Río Limia"
Os días 15 e 16 de xuño de 2026, Xinzo de Limia e a vila portuguesa de Ponte de Lima celebrarán a XIV edición do "Abrazo ao Río Limia". Esta iniciativa, promovida pola Concellería de Educación e Cultura de Xinzo, ten como obxectivo reforzar os vínculos históricos, culturais e humanos entre ambas pobloacións. O encontro reunirá a máis de mil alumnos de diversos centros educativos, entre os que se inclúen os CEIP Rosalía de Castro, Carlos Casares, Carlos Cid Arregui, dos Blancos, Sandiás e Sarrea…
11 de junio de 2026 2 min lectura
Feridos nun accidente de tráfico en A Limia
La Región Feridos nun accidente de tráfico en A Limia
Un accidente de tráfico ocorrido este xoves ás 16:15 horas na estrada de Loureses, en Os Blancos (A Limia, Ourense), deixou dúas persoas feridas. O vehículo saíu da vía e quedou declarado como siniestro total, o que obrigou ao traballo dos bombeiros para poder excarcelar ás vítimas, ambas de uns 30 anos de idade. O condutor, veciño de Os Blancos, foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) mediante un helicóptero medicalizado, mentres que o acompañante foi trasla…
4 de junio de 2026 1 min lectura
Sexta edición do Paseo de la Lana en Couso Galán
La Región Sexta edición do Paseo de la Lana en Couso Galán
A aldea de Couso Galán, situada no concello de Sarreaus, acolle un ano máis a sexta edición do Paseo de la Lana. Este evento ten como obxectivo promover os oficios vinculados á produción artesanal da lana con denominación de orixe, reunindo a produtores, tecedores e artesáns para fomentar a reactivación da produción local e a recuperación da vida no medio rural. Actividades e destacamentos O programa inclúe diversos espazos de exposición e aprendizaxe: Desfile lanar: Un dos eventos centrais, …
13 de junio de 2026 2 min lectura