É hora de medir a profundidade dos cadros de xogadores nun partido inédito. O Antela e o Silva afrontan o partido desta tarde (16.30 horas) na Moreira, correspondente á décima xornada, con baixas importantes nos dous equipos. Nos locais están mancados Xabi Lamas e Álex Boán. Pucho foi expulsado a semana pasada e sancionado con dous partidos, mentres que Pedro tamén será baixa.
Nos visitantes non estarán Agulló e Buyo, dous habituais na defensa; Cano e Baldomar, dos xogadores máis utilizados no medio campo; nin João Paulo, o dianteiro máis veterano da categoría, con 41 anos.
“Imos moi xustos de xogadores. É o momento de que outros poidan demostrar o seu nivel”, declarou onte Diego Armando, adestrador do Silva, a Deporte Campeón. O equipo coruñés suma catro vitorias en nove partidos, unha máis ca o Antela, e ten un punto máis na clasificación.
“Será un partido difícil. Son xogadores con pouca experiencia, pero de bo nivel. Trataremos de propoñer un partido de ritmo alto”, avanza Armando.
Bruno Gómez, pola súa banda, non se queixa. “O equipo está ben, estamos competindo ben e, se mantemos a liña, pronto volverán as vitorias”, dixo a La Región. A Moreira só viu unha esta tempada. Os dous últimos encontros disputados na casa remataron en empate.
As boas noticias son as reincorporacións de Bruno Pío, despois de tres semanas lesionado, e de Gastón, ausente por sanción no partido de Pontevedra.
Couto, Tiago e Cole poderían completar a defensa, con Bernardo e Constela á expectativa. No medio campo agárdase a estrea de Diabate, a última fichaxe. Na dianteira, Charli, Negrete, Carlos González, Tumbeiro e Cid disputaranse catro prazas.
A canteira
O xuvenil de Xurxo Santana viaxa este sábado ata Nigrán para medirse, a partir das 16.00 horas, ao terceiro equipo do Val Miñor. Os locais perderon dous partidos no seu campo, mentres que o Antela, que chega con dous puntos de vantaxe, foi quen de gañar como visitante en Bouzas, en Monforte e tamén ante o Santa Mariña.
Comparte
Copiado