Despois de un minuto de silencio dos membros da corporación de Xinzo, en sinal de condolencia polas víti,as do accidente ferroviario da semana pasada, transcorreu coa normalidade acadada durante esta lexislatura, agás da abstención do grupo do BNG no punto de engadir a denominación de «cantareiras» ao nome oficial da Escola Municipal de Gaitas e Percusión.No bloque económico, saíu adiante a concertación dunha operación de tesourería por valor de 2,5 millóns de euros para o período 2026-2027, co voto favorable do goberno local e a abstención da oposición (BNG e PSdeG). O equipo de goberno defendeu a necesidade desta liña de crédito a curto prazo para facer fronte a gastos correntes e adiantar os pagamentos de numerosas subvencións vivas que se deben xustificar nas vindeiras semanas, mentres que a oposición criticou que as arcas municipais teñan que asumir custos financeiros derivados da morosidade ou demoras dos pagos por parte da Xunta de Galicia. Reforma de taxas e apoio ás familias ante fugas de auga Grupo da oposiciónA corporación aprobou a actualización das ordenanzas fiscais reguladoras da taxa por subministración de auga e da depuración e sumidoiros para repercutir a suba do IPC anual. Con todo, saíu adiante unha modificación substancial moi agardada que introduce un mecanismo de cálculo bonificado para protexer ás persoas usuarias que sufran un consumo desmesurado por avarías ou roturas na rede. Dende a bancada da oposición demandouse ao goberno que esta medida se comunique de xeito pedagóxico e cun aviso visible nas facturas para que a veciñanza saiba como e en que prazo reclamar.Impulso a Trandeiras e tributo ás cantareiras Outro dos asuntos centrais foi o proxecto da segunda fase para a posta en valor das infraestruturas hidráulicas do Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras. O grupo de goberno desbloqueou os condicionantes requiridos por Patrimonio e o reaxuste das anualidades orzamentarias, o que permitirá á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil licitar de xeito inminente un investimento que rolda os 920.000 euros.Así mesmo, aprobouse o cambio de denominación da Escola Municipal de Gaitas e Percusión, que pasará a incorporar oficialmente a mención «ás Cantareiras» como recoñecemento ético e histórico ao papel fundamental das mulleres na transmisión oral e no folclore tradicional. O punto saíu adiante cos votos a favor de PP e PSdeG e a abstención do BNG, que reclamaba acompañar a mudanza de nome cun plan de acción e partidas formativas concretas. Pola contra, non prosperou a urxencia dunha moción presentada polo Bloque en apoio á folga xeral do 11 de novembro polo dereito á vivenda.
O pleno acordou unha taxa especial reducida para o pago da auga por mor de fugas
Fotografía de arquivo. A Limia News.