O Padroado do Museo da Limia comunicou o resultado do III Certame Literario Antón Tovar, no que o xurado decidiu, por unanimidade, premiar o poema “Raiz de pereira” de María Carmen Gómez García. A autora, profesora xubilada de Lingua Galega e Literatura con longa traxectoria na comarca, recibirá un premio de 600 euros e a publicación da súa obra na revista Tempos Novos.
A entrega do galardón terá lugar o sábado 20 de xuño ás 19:30 horas no Museo da Limia. O acto contará cun programa que inclúe a lectura da obra pola propia autora, a recitación de poemas de Antón Tovar por parte de alumnos do CEIP Carlos Cid Arregui, unha semblanza do poeta a cargo de Delfín Caseiro e o acompañamento musical do grupo Trovare.
Este certame forma parte dunha serie de iniciativas promovidas polo Museo da Limia desde o ano 2021 para difundir o legado creativo do poeta ourensán. Neste contexto, o Padroado aproveitou a ocasión para reiterar a súa petición á Real Academia Galega (RAG) para que dedique o Día das Letras Galegas de 2027 á figura de Antón Tovar.