Un home de 73 anos enfróntase a unha posible pena de dous anos de privación do dereito a conducir e unha multa tras provocar un accidente en cadena nunha intersección de Xinzo de Limia o 30 de outubro de 2023.
Segundo o escrito de acusación, o sinistro produciuse cando o acusado presumiblemente saltou unha señal de Stop e incorporouse á calzada sen cerciorarse de que era seguro. Ao invadir o carril prioritario, obrigou a outro condutor a realizar unha maniobra de emerxencia para evitar a colisión directa, o que provocou que este chocase contra unha furgoneta.
O impacto deixou a un dos condutores ferido e con secuelas crónicas. Por outra parte, a vista xudicial prevista para este xoves foi suspendida e trasladada ao mes de xullo.