O partido entre o Antela e o Cartelle na Moreira foi un choque de estilos e ambicións, capturado nunha imaxe que reflicte a intensidade do encontro. O Antela sufriu para superar a defensa do Cartelle, pero un gol tardío de Carlos deulle a vitoria. O encontro estivo marcado pola tensión e incidentes ao final.
[A fotografía da defensa visitante impedindo o remate de Joni di todo do que foi o partido de onte na Moreira. Imaxe: NOELIA CASEIRO @DiariodoLimia]
A Noelia, acostumada a captar o flotar das pantallas (pantalla, ela tamén), condensou nunha imaxe a violencia do fútbol no choque de estilos, traxectorias e ambicións que se produciu onte na Moreira (e non perdan ocasión de ver o vídeo resumo do xogo da mesma fotógrafa na seguinte ligazón: https://www.facebook.com/share/v/19EqjB7qQt/?).
O fútbol é cruel, como a vida, case sempre cos pequenos; os máis débiles xogan as súas cartas como poden para vencer aos máis fortes, tamén no fútbol. O que sucedeu dentro do campo nos 90 minutos máis o desconto foi un choque violento de ambicións tratando de corrixir traxectorias moi diferentes: o camiño do Antela cara o ascenso que vai atopando obstáculos inesperados; o camiño do Cartelle que se torce e se torce e vai directo ao descenso. Un choque dentro das regras do fútbol. O que pasou despois, fora do prado, retratou algúns comportamentos indesexábeis. Custa asumir a derrota cando se ten deixado todo no campo. Puido pasarlle a calquera dos contendentes. Pasoulle ao Cartelle.
Antes, durante o xogo, o Antela sufriu como nunca para romper unha defensa de cinco con dous pivotes por diante e outros tres futbolistas de traballo esperando para se descolgar á contra. Na primeira media hora, o Antela xogou segundo o libro de instrucións: abrir o campo desde as bandas. Mais, con tanta xente por fóra, faltoulle quen rompese por dentro e quen pisase a área. Inda así, os de Bruno crearon ocasións para se adiantar.
Superada a media hora, o Cartelle, ben asentado, empezou a coller aire con saídas intermitentes e sen máis intencións que demorar o xogo uns segundos en campo contrario. O Antela non tivo resposta. E o choque navegou até o descanso sen que pasase nada máis notábel que o debut de Penabad como titular, o primeiro dun xuvenil este ano.
Foi un primeiro acto anodiño.
Despois, entre orballeiras e delampos, chegou a épica. O Antela foise arriba con todo. Martín Caneiro deu un paso adiante. Apareceron no partido Anxo e Antón. Cole situouse case como extremo na dereita e Joni xogou por detrás de Antón pola esquerda. Antón empezou a percutir, a encarar en todas as xogadas. O Antela cargou área como nunca. Houbo centros a esgalla, remates por baixo por alto. Pedro, Joni, Antón, Caneiro buscaron o punto débil do meta vístante por arriba. Carlos rematou de cabeza varios centros. Anxo e Jorginho (o Antela acabou con catro puntas) descoseron a defensa rival co seu traballo de costas.
Á hora de partido, aos visitantes xa non lles sobraba medio campo, como ao principio; agora sobrábanlle tres cuartos, cun asedio completo da súa área.
Unhas veces, un par de centímetros separaron ao Antela do gol; outras, medio segundo, para evitar o bloqueo duna defensa cansa e que aproveitaba cada disputa, todos os choques, para reclamar falta, botarse ao chan, coller aire… Así o partido acabou xogándose na área rival, cun Antela paciente, intenso, arriscado, que empuxou con fanatismo, co mesmo fanatismo que se defendía o Cartelle. Gañaba o Cartelle, que viña polo empate, e resistía. Perdía o Antela, que non quería ceder outro empate, e insistía.
Dalama, que ao inicio fóra agasallado co libro de Cerredelo da Historia do Antela, non precisará lelo se inda non ou leu. Apañou un gol de cabeza, a media altura, o gol que rendeu ao Cartelle cando o árbitro miraba o reloxo. Pura historia dos lobos: constancia, traballo, a chaira, o sol e a chuvia, benvida a primavera, outra pedra preciosa na coroa do Antón (asistencia) e laureda para o Carlos, o elixido, goleador en crisálide. Condensado nunha xogada -centro suave, flotando, e remate preciso, definitivo- o carácter dos lobos. Condensada na foto a violencia do partido, o Dalama convertido en vilán polas voltas da vida, o fútbol cruel e xusto. Gañou o Antela, gloria aos elixidos.
FICHA TÉCNICA
Antela, 1; Cartelle, 0.
Antela: Bruno Pío, Cole, Breixo, Aarón Blanco, Penabad (Antón, 58′), Xabi Lamas (Jorginho, 68′), Pedro (Xurxo, 90′), Brais Outeiriño (Anxo, 58′), Joni, Martín Caneiro e Carlos (Raúl, 90′).
Cartelle: Dalama, Flores, Samuel, Ismael, Mario (Rubén, 73′), Pascual (Brais, 65′), Días, Saúl, Tractor, Adrián e Ferreira (Yelko, 77′).
Árbitro: Hugo Añel. Expulsou a Saúl e ao adestrador visitante Dani Prado. Amoestou a Carlos e Anxo, polo Antela; e a Días, Pascual, Flores, Ferreira, Brais, Dalama, Mario e Rubén, polo Cartelle.
Gol: 1-0, min 90+9: Carlos.
Incidencias: Uns 150 espectadores na Moreira. O Antela fixo entrega dun agasallo a Dalama e Brais, como exfutbolistas do club. Rematado o partido, Dalama e outros xogadores do Cartelle saíron do campo cara á zona dos espectadores ameazando algunhas afeccionadas e afeccionados locais.
Fonte: antela.fala.gal