← Volver Dende A Limia

Unha parábola escura

Unha parábola escura

Fotografía de arquivo. A Limia News.

“Fun concebido en medo, nin fun nado / e ao medo estou por sempre condenado. / Medo do aquén, do alén, medo de todo” (A nada destemida, Antón Tovar)

Primeiro apareceron nas rúas das nosas aldeas e, aínda que a súa aparición non parecía moi natural, non lle demos importancia. Pensabamos que era simple casualidade. A pesar da súa aparente desorientación, escapando de cans mansos que só finxían perseguilos, non dubidamos en fertilizar as matogueiras espesas onde construían as súas toqueiras e búnkeres. Despreocupámonos do seu crecemento e das especies invasoras que medraban con forza, engolindo os arbustos autóctonos, sempre a piques de desaparecer.

Despois, paseando pola Rambla de Barcelona, os xornais adornaban as súas portadas coas súas fotos, intentando convencernos de que eran xabarís despistados. E cando comezaron a proliferar en todas as cidades –agás na capital, onde sempre estiveron presentes–, os medios falaban deles como seres inocuos, aos que debiamos acostumarnos.

Mais a verdade é que sempre foron o que parecían: porcos bravos adestrados polos amos do poder, para infiltrarse discretamente no corazón da sociedade. A súa misión era aprender os comportamentos, os modais e a linguaxe da xente común, sen que ningún gurú ou líder espiritual se decatase do que realmente estaba acontecendo. Ou, quen sabe, talvez estaban perfectamente informados, pero calaban, xa que «quen paga manda». E aqueles mamíferos salvaxes da familia dos súidos, que paseaban –e defecaban– polas rúas sen ser multados, aprenderon axiña a andar erguidos, depilaron as súas serdas e vestíronse con traxes e gravatas de seda, como se fosen persoeiros respectábeis.

Despois aprenderon a manipulámonos, e permitimos que se sentasen nos escanos das institucións, sen importar a súa arrogancia, chulería e intolerancia. Agora, aí os temos, destemidos, na cúspide do poder, enriquecendo a uns poucos á custa dos que morren de fame, mentres exhiben o seu luxo nos telexornais, berrando «Viva la libertad, carajo!», antes de roubarnos o pouco que temos. Aí os temos, lanzándolle rotuladores negros –tan negros como o futuro que nos agarda– aos que non dubidan en apañalos, para tatuar nos nosos pensamentos as decisións que están convertendo o mundo no escenario das súas depravadas e perigosas brincadeiras.

Contoume o meu tío Lisardo que, nunha visita a unha escola destes «paxaros», despois dun discurso contra a normalidade, un rapaz preguntoulle: «Excelentísimo Señor, vostede que tanto manda e tanto sabe, podería dicirme cantos dentes ten un porco bravo?» E o outro, sen darse conta de que o estaban retratando, mentres mostraba uns cabeiros moi longos, contestoulle: «Corenta e catro».

Antón Jardón

Fonte: dendealimia.com

Ver noticia completa
Dende a Limia prensa local
Tamén che pode interesar
​CaixaBank e o GDR Limia Arnoia lanzan unha nova  convocatoria de ‘Tierra de Oportunidades’ para fomentar  emprendemento e emprego nas zonas rurais do territorio
Dende A Limia ​CaixaBank e o GDR Limia Arnoia lanzan unha nova convocatoria de ‘Tierra de Oportunidades’ para fomentar emprendemento e emprego nas zonas rurais do territorio
O GDR Limia Arnoia e CaixaBank veñen de lanzar unha nova edición do programa ‘Tierra de Oportunidades’, iniciativa destinada a fomentar a creación de emprego, impulsar o emprendemento rural e fixar poboación en áreas despoboadas.‘Tierra de Oportunidades’ ten o obxectivo de localizar e recoñecer proxectos rurais innovadores, sostibles e con capacidade de atraer e reter talento, así como de crear novas oportunidades laborais en áreas que enfrontan desafíos demográficos significativos.Esta sexta ed…
15 de mayo de 2026 3 min lectura
Celebración do Día das Letras Galegas no Punto de Atención Infantil de Sandiás
Dende A Limia Celebración do Día das Letras Galegas no Punto de Atención Infantil de Sandiás
O Punto de Atención Infantil de Sandiás celebrou o Día das Letras Galegas cunha xornada educativa e cultural dirixida a nenos e nenas de entre 0 e 2 anos e ás súas familias. A actividade principal consistiu no concerto "O Son do Ar", un recital de violín e violonchelo deseñado como unha experiencia sensorial. Durante a actuación, os pequenos puideron observar de cerca os instrumentos e ter a oportunidade de tocálos, fomentando a curiosidade e a proximidade coa música. Complementando a parte mu…
16 de mayo de 2026 1 min lectura
Programación Cultural de Xinzo de Limia para Maio de 2026
Dende A Limia Programación Cultural de Xinzo de Limia para Maio de 2026
O Concello de Xinzo de Limia, a través da súa Concellería de Cultura, presentou a axenda de actividades para o mes de maio de 2026. O obxectivo desta programación é dinamizar o municipio mediante unha oferta diversa que integra a tradición, a literatura, a música e a participación veciñal. Os eventos máis destacados organízanse nas seguintes categorías: Tradición e Folklore: Destacan a procesión dos danzantes en Santa Cruz de Lamas, a Feira das Mozas e as Vestalias. Música e Danza: Inclúese a…
3 de mayo de 2026 1 min lectura