Seguridade no Entroido de Xinzo de Limia 2025
Xinzo de Limia, 29 de xaneiro de 2025.
O Concello de Xinzo de Limia ten todo preparado para garantir a seguridade durante o Entroido 2025, festa declarada de Interese Turístico Internacional e unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo galego. Como en anos anteriores, o Plan de Autoprotección do evento inclúe medidas de prevención e resposta ante posibles incidencias, grazas á coordinación entre os diferentes corpos de seguridade e emerxencias.
Entre as novidades deste ano destaca a ampliación do servizo da furgoneta violeta, que protexerá a seguridade das mulleres ante posibles agresións machistas. Este servizo estará operativo non só nos días grandes do Entroido, senón tamén no Petardazo.
Debido á gran afluencia esperada para o Petardazo, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) instalará un camión de posto de mando avanzado para mellorar a resposta ante calquera eventualidade.
Durante as festas, o dispositivo de seguridade contará coa colaboración do Parque de Bombeiros de Xinzo de Limia, Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil. Haberá tamén un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para unha resposta rápida e coordinada.
Reforzarase ademais a videovixilancia en puntos estratéxicos da vila, garantindo así unha maior seguridade para veciños e visitantes.
O alcalde, Amador Díaz, fai un chamamento á responsabilidade cívica: «O Entroido é unha festa para todas e todos, e para iso é fundamental o respecto e a colaboración cidadá».
Fonte: www.xinzodelimia.gal
