José Antonio Nieto Luis, coñecido como Don Pepe Nieto, naceu en Xinzo de Limia, fillo de comerciantes e propietarios. Médico e cirurxián dende 1920, exerceu na comarca da Limia dende 1923, en concellos como Trasmiras, Vilar de Santos, Os Blancos e Xinzo (dende 1951 ata a súa xubilación).
Casou e separouse de Luz de la Granja Valencia. Tivo descendencia dunha relación posterior cunha moza de Abavides: unha filla que vive en Ourense e un fillo falecido moi novo. Mantivo unha relación de feito con Elvira Lama, quen traballaba na súa casa e coa que conviviu ata o seu pasamento.
Participou activamente no golpe de estado de 1936 en Xinzo, primeiro como militante requeté e logo como xefe local da FET e membro da xestora municipal en 1938. Foi alcalde de Xinzo dende o 1 de abril ata o 15 de setembro de 1943. A súa militancia política estivo marcada por enfrontamentos internos e cambios de adscrición ideolóxica.
Don Pepe Nieto faleceu en Xinzo o 3 de outubro de 1983, aos 89 anos. A súa herdanza dividiuse entre a súa sobriña Elvira Calderón, a súa compañeira Elvira Lama, e a súa filla Carmen.
Fonte: historiadexinzo.wordpress.com