O Couto Mixto: Recuperación dunha realidade histórica e creación da súa Academia de Ciencias Sociais
O Couto Mixto foi unha institución xurídica e política singular caracterizada por un sistema de autogoberno democrático con trazos republicanos. Os seus cidadáns gozaban de privilexios excepcionais para a época, como o libre comercio, a libre elección de nacionalidade (española ou portuguesa) e a exención do servizo militar nas monarquías absolutistas.
Esta entidade desapareceu no ano 1863 a raíz dunha Lei de Lindes acordada entre España e Portugal, o que provocou a integración dos seus pobos nos concellos e no sistema constitucional de ambos estados, quedando a súa historia esquecida co paso do tempo.
Para rescatar esta memoria colectiva, a Asociación de Amigos do Couto Mixto traballou durante os últimos trinta anos mediante a organización de cursos académicos —en colaboración coas Universidades de Vigo e Tras-Os-Montes—, a edición de monografías e a realización de documentais informativos.
Como continuación deste proceso, creouse a Academia de Ciencias Sociais. Esta institución reunirá a especialistas de ambos lados da raia en áreas como a antropoloxía, o dereito, o planeamento económico e o medio ambiente, co obxectivo de fomentar a cohesión social e a boa veciñanza a través do coñecemento científico.
A Academia basará a súa actitude nas directrices da Unión Europea e na lexislación galega de Patrimonio Cultural (2016) e Protección da Paisaxe (2008). Unha das súas primeiras accións será solicitar á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia a declaración do Couto Mixto como «territorio histórico».
O acto formal de ingreso na Academia celebrase o día 28 no Salón de Graos Vicente Risco do Campus de Ourense, contando coa participación de Carme Eiró Bouza (Fiscala Superior de Galicia) e Fernando Serrulla Rech (médico e antropólogo forense).
Fonte: www.dendealimia.com
