Os concellos da Limia fan fronte común e solicitan unha reunión urxente coa Xunta ante os estragos dos temporais

Concello de Xinzo de Limia

O luns 10 de marzo de 2026, os alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia reuníronse de urxencia en Xinzo de Limia para acordar unha estratexia conxunta co obxectivo de conseguir fondos para a recuperación das infraestruturas danificadas por temporais recentes.

O principal acordo foi solicitar unha reunión urxente co presidente da Xunta de Galicia, xa que consideran que a magnitude dos danos excede a capacidade financeira dos concellos.

A pesar de que a maioría dos concellos xa iniciaron os trámites para acollerse ao plan de axudas do Goberno do Estado, cunhas valoracións técnicas que superan os 4 millóns de euros para toda a comarca, estas axudas cobren como máximo o 50% dos custos. Os alcaldes argumentan que esta porcentaxe é insuficiente para o rural, xa que a outra metade do investimento comprometería a estabilidade financeira dos concellos. Por iso, tamén estenderán as súas demandas á Deputación de Ourense, buscando a implicación coordinada das tres administracións.

Na xuntanza, destacouse que os danos en pistas, accesos e infraestruturas públicas afectan a toda a comarca por igual. Celebraron a incorporación de novos municipios a esta estratexia reivindicativa, consolidando un bloque que representa á práctica totalidade da Limia. Os concellos que integran esta fronte común son: Baltar, Calvos de Randín, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

A comarca da Limia fala cunha soa voz para esixir que a Xunta de Galicia recoñeza a gravidade da situación e actúe de xeito urxente para garantir a seguridade e a mobilidade da veciñanza.

Fonte: www.xinzodelimia.gal

VER NOTICIA COMPLETA