Xinzo de Limia, a 30 de outubro de 2023. Durante o segundo pleno ordinario deste mandato aprobáronse por unanimidade tódolos puntos da orde do día, entre os que se incluía, entre outros, a actualización dun 3,5% das diferentes taxas municipais conforme ó IPC tal e como esixen as leis vixentes.
Saíu adiante, tamén por unanimidade, a moción conxunta instada polo PSdeG-PSOE en favor de pavimentar os cemiterios vello e novo. Por parte de Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, indícase que “estamos tratando de concretar unha partida nos orzamentos do ano 2024 para poder levar a cabo estas obras”.
Fóra da orde do día, os votos en contra do grupo de goberno non permitiron a tramitación das distintas mocións de urxencia presentadas pola oposición, entendendo que ten que prevalecer o procedemento ordinario e o debate nas comisións informativas, que fomenta o acordo e o consenso de tódolos partidos da corporación local, tal e como se demostra coa aprobación completa da orde do día, tanto neste pleno coma no anterior, case con total unanimidade.
Fonte: www.xinzodelimia.gal
