O Concello e o sector primario aclaran que a seguridade técnica foi o único motivo dos cambios no Petardazo

Concello de Xinzo de Limia

Xinzo de Limia coordina axustes no Petardazo tras reunión co sector primario

Xinzo de Limia, 24 de xaneiro de 2026. O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, e o tenente de alcalde, Antonio Fernández, mantiveron unha xuntanza de traballo con Javier Losada, representante da Asociación do Sector Primario de Galicia, para coordinar a situación tras os axustes na programación do Petardazo.

Na reunión, confirmouse que ningunha das partes tivo a intención de alterar a programación orixinal do evento. O sector agrario, que mantén as súas reivindicacións contra o acordo co Mercosur, aclarou que a súa vontade nunca foi interferir no desenvolvemento do Petardazo. O Concello, pola súa banda, recalcou que respecta as mobilizacións do sector e que en ningún momento actuou en contra das súas demandas.

As alteracións na programación responderon unicamente a motivos estritos de seguridade e ao cumprimento do Plan de Autoprotección. Un requisito técnico e legal que, ante a imposibilidade de despregar o dispositivo da AXEGA pola meteoroloxía (a alerta nas estradas impedía o desprazamento do camión de Posto de Mando Avanzado), obrigaba á suspensión dos actos masivos independentemente de calquera outra circunstancia.

Como froito deste diálogo, os agricultores e gandeiros teñen previsto retirar a súa maquinaria a media tarde de hoxe, deixando unicamente un tractor de xeito simbólico no centro da praza como testemuño da súa protesta polo acordo co Mercosur. Deste xeito, garántese a mobilidade e o cumprimento das medidas de seguridade para o resto das actividades do Entroido.

Fonte: www.xinzodelimia.gal

VER NOTICIA COMPLETA