Fai algún tempo por iniciativa do CDR O Viso de Lodoselo e o CEIP Rosalía de Castro de Xinzo, presentouse un libro co título de Mulleres ilustradas da Limia. Lamentablemente non asistín xa que non me decatei da presentación na Casa da Cultura de Xinzo. Recoñezo que me sorprenderon algúns nomes, pero sen desmerecer a ninguén das nomeadas, coido que se esqueceron moitas mulleres, e seguro que inda nos faltarían grandes mulleres que merecían figurar no libro, especialmente do rural. Relaciono aquí algunhas das que me lembro:
Mulleres que sufriron morte e represión:
Anxela Sampedro Piñeiro, de Pazos de Codesedo (Sarreaus), a dona do guerrilleiro Juan Sorga, pola súa relación conxugal foi detida varias veces e xulgada nas causas 138/49 e na 185/49, sendo condenada a dous anos de cadea. Segundo testemuñas orais recibiu moitas malleiras e sufriu abusos sexuais nos seus encerros no cárcere de Sandiás, ante tanta brutalidade, nun descoido dos gardas, intentou suicidarse facéndose varias feridas de arma branca.
Delfina Lamas Clemente, veciña das Pegas (Sandiás), nai de tres fillos; un mobilizado na guerra, outro de 12 anos e outro inútil. A muller, cando mobilizaron ao único fillo que axudaba na casa, atopándose cocendo pan no forno de Sandiás, fixo uns comentarios críticos sobre a guerra e o que estaba a pasar, xa que lle quitaban o seu medio de vida. Alguén que escoitou os comentarios o puxo en coñecemento dos falanxistas locais, foi detida e ingresada no cárcere de Xinzo, unha noite foron por ela e matárona cerca do monte do Furriolo e Rairiz de Veiga, enterrada no cemiterio de Rairiz como unha muller descoñecida.
Para ver outras mulleres represaliadas: https://historiadexinzo.wordpress.com/2021/07/05/memoria-historica-doutras-mulleres-represaliadas-da-limia-1936-1950/
Mulleres negociantes que foron as matriarcas das súa familias:
Blanca Asorey, Antonio Gelpi e Blanca Asorey tiveron 12 fillos: Antonio (o maior) Lucas, Elisa, Pepita, Pura, María Teresa, Castita, Carmina, Manolo, Blanca, Luis e Álvaro. Morto Antonio a viúva Blanca, trasladase sobre os anos 30 do século pasado a Xinzo con varios dos seus fillos, para facerse cargo da casa e o almacén de ultramarinos do irmán de Blanca, Manolo Asorey, que se trasladara para Santiago de Compostela. Blanca Asorey e familia rexentou case todo o século XX en Xinzo, os coñecidos Almacenes Asorey de alimentación e bebidas, que vendían na tenda do baixo da casa familiar, na Praza Maior, e tamén ao por maior por todos os concellos da comarca da Limia.
Celia Alonso Durán. A miña tía Celia e meu tío Manolo Cerredelo, fixéronse cargo da tenda de ultramarinos, na década dos anos 40 do século pasado, que traspasaran o seu irmán e cuñado Manuel Alonso que se trasladou a Vigo. En 1962 falece prematuramente meu tío Manolo, e Celia cos seus fillos Sindo e Manolo continúan co negocio. A tenda foi un referente en alimentación na vila xunto cos Asorey e os almacenes Díaz. En 1967 trasladan o almacén e a tenda a rúa Curros Enríquez onde están na actualidade coa mesma actividade, sendo os maiores distribuidores da Limia de alimentación e bebidas. Posteriormente amplían o negocio á distribución de bebidas.
Felicia Duran Ojea, que foi durante máis de tres décadas de traballo a alma da cociña primeiro da Fonda Ledo, na hoxe Rúa Curros Enríquez, e posteriormente no Hostal Avenida na actual Rúa de Ourense.
Pura Gómez Losada, a xefa da excelente cociña que tiña o bar restaurante Maragón, un dos mais acreditados de Xinzo no seu tempo e rexentado por mulleres, desde os anos 50 ata polo menos os anos 70.
Corona Cerredelo Pardo, que demostrou o seu arte na cociña primeiro na taberna El Retiro na Praza de San Roque, logo no bar Platillo Volante na rúa dos viños e despois no bar restaurante Gran Taberna na hoxe Avenida de Madrid, desde mediados dos anos 40 ata o ano 1974 aproximadamente. Meus pais foron os primeiros negocios de hostaleira que puxeron de moda as “tapas” en Xinzo. A diferencia doutros cociñeiros nunca lle negou unha receita de cociña a ninguén, fora cliente ou competidor, lembro nos anos 60 a Amalia Gómez Manso na cociña coa miña nai transmitíndolle coñecementos e consellos cando estaba comezando coa restauración no Novaiño.
Mulleres da Limia pioneiras en estudos superiores:
Vaia por diante que estas mulleres tiveron a sorte de nacer e crecer en familias con recursos suficientes para poder darlles unha educación, que naqueles tempos poucas familias se podían permitir. No obstante teñen moito mérito dado o esforzo que tiñan que realizar, case sempre fora da súa casa, e nunha sociedade patriarcal que reservaba para elas o lugar de amas de casa.
Dolores Salgado Feijóo. Naceu o ano 1912. Estudou a carreira de mestra en Santiago, onde coñeceu o seu home, o granadino José Prieto Puertas, que estudaba farmacia. Debeu acabar a carreira de maxisterio nos anos 30/40. A lembro de mestra con escola en Xinzo.
Rosa Salgado Feijóo. Estudou bacharelato nas Carmelitas de Ourense, quería facer Química en Santiago pero seu pai pediulle que primeiro fixera maxisterio, título que debeu aprobar a mediados dos anos 40. Exerceu de mestra en varias escolas ata que tivo destino en propiedade en Parada de Riveira. En 1945 fai prácticas na escola de Rebordachá. Entre os anos 1946-1952 exerce en Seoane de Oleiros e San Pedro de Laroá, en 1952 consigue destino en propiedade na escola en Parada de Ribeira, nese mesmo ano colle a excedencia por matrimonio e trasladase coa familia a Valladolid onde reside desde 1952 a 1963. Incorporase de novo ao maxisterio e ten destino provisional en Castro de Laza (1964/65) e Rebordondo (1964/69), en 1969 recupera a propiedade de Parada de Riveira ata 1974 que coa concentración escolar exerce no Ceip Rosalía de Castro de Xinzo ata o ano 1988. Casada co comerciante Carlos Gómez García tiveron e criaron unha familia numerosa de seis fillos.
Isabel Penín Rodríguez. Unha limiá pioneira na universidade, logo de sacar o título de mestra, faise farmacéutica, licenciaturas conseguidas nos anos 40 e 50, que rexentou a farmacia Penín, nos anos 50 ata o seu prematuro pasamento o ano 1962, labor que continuou o seu marido Recaredo ata a terminación dos estudos de farmacia do seu fillo Antonio Gómez Penín que rexenta a farmacia na actualidade.
Adela Carril Fernández, viúva do farmacéutico Celso Peláez, falecido prematuramente en 1948, tivo que facerse cargo da farmacia ata que a súa filla Adelita que estaba facendo o bacharelato, acabara a carreira de farmacia. Doña Adela estivo ao fronte da botica desde o ano 1948 ata que traspasaron a farmacia a Elena Baliña en 1972.
Adelita Peláez Carril. Filla de Doña Adela Carril e de Celso Peláez, outra limiá que acada o título de farmacéutica en 1954, facéndose cargo da farmacia do seu pai. Casou cun enxeñeiro catalán en 1960 e viviu en Ourense ata 1966 que se marchan para Cataluña. O ano 1972 traspasa a farmacia de Xinzo e rexenta outra en Barcelona.
Nieves de Saa Carrera, outra das poucas mulleres da Limia con carreira universitaria, debeu acabar a carreira de farmacia sobre finais dos anos 50, ou comezo dos anos 60, xa que se estableceu como farmacéutica en Sabarís (Baiona) en 1963 e xubilouse cando tiña 75 años, inda que nunca deixou de ir cada día á farmacia. Faleceu o 28 de marzo de 2024 a los 91 años.
Muller con alma de artista e inquietudes culturais:
Rosa Caval Martínez. Unha mexicana que chegou a Xinzo pola súa irma, casada co secretario do xulgado de instrución, e acabou quedando por amor, casando con Camilo Peláez, tiveron cinco fillos. Foi unha gran promotora cultural desde os anos 40 aos 70. Moi afeccionada ao teatro, organizou, colaborou, ensinou e dirixiu moitas obras de teatro que se celebraron en Xinzo neses anos, tanto no Casino como no Cine Los Molinos.
Seguro que inda quedan moitas mais por localizar e dalgunhas carezo de datos concretos.
OUTRAS MULLERES ILUSTRADAS E TRABALLADORAS DA LIMIA.
