Historias da emigración de limiaos ás Américas: José Ramón Pérez Cid (Piñeira Seca, 1901-Xinzo, 1961).

Blogs

A emigración galega a América entre finais do século XIX e mediados do XX, foi un fenómeno significativo que reflectiu as dinámicas sociais, económicas e políticas da época. Impulsada pola pobreza, a crise económica, trala Primeira Guerra Mundial, e a falta de oportunidades en Galicia, miles de galegos buscaron un futuro mellor en países como Arxentina, Uruguai, Cuba e Brasil. Estes emigrantes, na súa maioría campesiños e traballadores non cualificados, enviaban remesas que axudaron a soster e sacar da miseria ás súas familias en Galicia.
A través de diversos documentos deste limiao, podemos coñecer parte do seu periplo por diversos países durante a súa emigración ás Américas; así como a súa actividade política e comercial ao seu regreso, cando se establece en Xinzo cunha tenda mixta de ultramarinos e taberna.
O seu periplo na emigración comeza o día 4 de decembro de 1920: Con 18 anos merca billete de emigrante, persoal e intransferible emitido en Vigo pola consignataria “Joaquín Loredo e Cia”. Para viaxar no barco Henry R. MALLORY[1], da compañía New York and Cuba mail Streamship. Company, con destino a New York. Billete pagado en efectivo por importe de 600,10 pesetas. Autorizado e firmado o embarque polo seu pai Secundino Pérez de Piñeira Seca.

Sete anos despois o día 27 de agosto de 1927: Sabemos polo salvo conduto emitido polo Vicecónsul Honorario de España con residencia en Brownsville ( Texas-USA), coa inscrición: “De vuelta a su país por las autoridades de E.U.A”. Desembarca no porto francés da cidade do Havre con data 18 de setembro de 1927, e atravesa a fronteira española por Irún o día 19 de setembro de 1927.

Non temos datos pero non tarda en emigrar a Cuba, onde xa figura ó mes seguinte en Octubre do ano 1927, na filiación de “Empleados y Obreros” da “Empresa Naviera de Cuba”,  como cantineiro do vapor cubano “Eusebio Coterillo”[2].

Sabemos que continúa en Cuba xa que o día 2 de setembro de 1932: Solicita inscrición na “Secretaría de Gobernación”, “Registro de Extranjeros de la República de Cuba” na cidade da Habana. Uns días despois o 23 de setembro de 1932 recibe o carné de “Registro de Extranjeros” e ”Certificado de inscripción”.
O día seguinte, 24 de setembro de 1932: recibe o “Carnet de Mar de la Marina Mercante de la República de Cuba” do porto da Habana, documento onde se rexistran os embarques e o historial de navegación.
Pouco tempo despois, con data 1 de xaneiro de 1934 coñecemos que cambiara de oficio, xa que figura como asociado ao “Sindicato Nacional de elaboradores de madera, como cajonero y similares”. Continua na illa de Cuba e con data 1 de febreiro de 1934, presenta a solicitude da cidadanía cubana, no “Juzgado Municipal de Regla”, folio 359, Tomo 4. Con data 1º de maio de 1934: Recibe un documento como excedente na filiación de “Empleados y Obreros” da “Empresa Naviera de Cuba”,  empresa na que traballou como cantinero do vapor cubano “Eusebio Coterillo”.

Prepara a documentación para regresar a súa terra e o 6 de maio de 1935: O “Consulado General de la Habana”, expide pasaporte nº 1129 con validez ata o 6 de maio de 1936.  No pasaporte figura con data 27 de maio de 1935 un visado selado no que figura o “Vapor Comercial Cristobal Colón”[3], no que seguramente regresa definitivamente a España.

José Ramón xa con 33 anos e 15 de emigrante, regresa a Xinzo desde a Habana posiblemente no mes de xuño do ano 1935. Non coñecemos a data exacta pero casa con Esperanza Bolaño?, e establecese cun negocio de ultramarinos e taberna na rúa Progreso de Xinzo,  nun local dunha antiga casa dunha planta na que, nun dos dous locais, estaba a oficina de correos e na outra o seu negocio. Polo solar que había ao lado, un camiño levaba a parte traseira onde tiña as cuadras, neste lugar é onde os labregos que viñan a vila e mercaban no seu negocio, deixaban as súas cabalerías mentres estaban na vila.
José Ramóns e Esperanza non tiveron fillos, polo que as súas sobriñas de Piñeira Seca, Josefa (que en realidade se chamaba Mª Dolores), Rosa e Felisa Bolaño vivían con eles, Felisa foi a que seguiu con negocio de ultramarinos e, cando a casa foi mercada polo promotor inmobiliario Modesto Montero, para construír un novo edificio e abrir novas rúas, trasladou o negocio ao baixo do antigo edificio da Sindical, na rúa de Lepanto.
José Ramón ó seu regreso tivo un intensa actividade política, xa que se afilia aos requetés e posteriormente, logo do decreto de unificación á “Falange Española Tradicionalista y de las JONS”. Grazas as investigacións para o meu libro “Historia e memoria” coñecemos a súa actividade como integrante de distintas xestoras do concello nomeadas a dedo polo gobernador civil da provincia, sendo concelleiro e 1º tenente alcalde durante mais de 12 anos.
Con data 27 setembro do ano 1943 toma posesión como concelleiro o recen nomeado 1º tenente alcalde de Xinzo, sendo alcalde Antonio González Garrido (alcumado “o pieles) e o secretario accidental, o funcionario municipal Ramón Saa. José Ramón era activo militante da Falanxe Española Tradicionalista e das Jons.
Polos libros de actas sabemos que se celebra sesión extraordinaria no Concello de Xinzo, no mes de abril do ano 1947, baixo a presidencia de Antonio González Garrido, dando orde ao secretario para a lectura da comunicación do gobernador civil da provincia que di: “En virtude de proposta deste goberno, aprobada pola Superioridade en 18 de marzo de 1947, fanse para a xestora dese concello, os seguintes nomeamentos: Antonio González Garrido (alcalde e militante FET), Xosé Ramón Pérez Cid (1º tenente alcalde e militante FET). Posteriormente sae elixido concelleiro nas “eleccións” do día 6 de decembro de 1948 polo terzo sindical, tomando posesión en febreiro do ano 1949 novamente como 1º tenente alcalde.
En 1950 organízanse de novo as festas de Corpus, que levaban os tres últimos anos sen celebrarse por razóns económicas, para ese ano a comisión constitúese co alcalde Antonio Gonzalez Garrido de presidente e a colaboracións dos concelleiros, Xosé Ramón Pérez Cid e Luis Villarino Ramos.
En 1954 inda figura como 1º tenente alcalde na corporación municipal que preside Jesús Carlos Romero Nieto. Nese mesmo ano a corporación municipal toma o acordo de crear unha biblioteca municipal: “El régimen de la biblioteca se considerará como servicio autónomo del municipio y estará confiado a una junta que se titulará, en este caso, Junta de la Biblioteca Municipal de Ginzo de Limia, con un máximo de diez vocales, en la que, además de los representantes del ayuntamiento, figuren las asociaciones profesionales, de cultura y personalidades destacadas por su competencia, manteniendo la institución neutral y abierta para todos. […]. La corporación acuerda: Que el ayuntamiento se obliga a proporcionar un local adecuado para la instalación de la biblioteca. Que el señor alcalde urgentemente proceda a constituir la Junta de la Biblioteca Municipal de Ginzo de Limia con los siguientes miembros designados por el mismo: presidente Jesús Carlos Romero Nieto (…) Na xunta figura como primeiro vocal nato o 1º tenente alcalde, José Ramón Pérez Cid.
O seu pasamento foi o día 1ª de marzo do ano 1961 a idade de 60 anos, foi soterrado no cemiterio de Xinzo de Limia.

[1] O USS Henry R. Mallory (IDE-1280) foi un transporte da Armada dos Estados Unidos durante a Primeira Guerra Mundial. Ás veces tamén se coñecía como USS HR Mallory ou USS Mallory. Antes do seu servizo na Mariña, foi USAT Henry R. Mallory como barco de transporte do exército dos Estados Unidos. Desde o seu lanzamento en 1916, e despois do seu servizo militar na Primeira Guerra Mundial, foi coñecida como SS Henry R. Mallory para as Mallory Lines. Obrigada  a compañía para entrar en servizo como buque de tropas na Segunda Guerra Mundial, pola Administración de Transporte de Guerra, foi torpedeada polo submarino alemán  Ou-402 no Océano Atlántico Norte e afundiuse coa perda de 272 homes, máis da metade dos que estaban a bordo.
[2] Vapor de 818 Tm. fora construído o ano 1906 nos astilleros Bow Machlachlan en Paisley (Escocia), en servicio da empresa “Naviera de Cuba” desde o ano 1923 ata 1941, ano en que foi vendido.
[3] O Cristóbal Colón foi un vapor correo, o cal pertenceu á frota da Compañía Transatlántica. Foi construído no Ferrol pola Sociedade Española de Construción Naval (SECN) en 1916 aínda que non se entregou á navieira ata 1923, tras sete anos de construción. Sempre navegou na liña Norte de España (Bilbao, Santander e Xixón), Cuba e México (A Habana, Verá cruz e Nova York), como o seu irmán o vapor Alfonso XIII (máis tarde renomeado na República como «Habana»). Ao comezo da Guerra Civil Española atopábase en Veracruz sendo incautado polo Goberno da República. O 25 de outubro de 1936 quedou encallado nun arrecife coral unhas oito millas ao norte da illa Bermuda.

Fonte: historiadexinzo.wordpress.com

VER NOTICIA COMPLETA