O Entroido, Ben de Interese Cultural
MIGUEL VILLAR
04 mar 2025. Actualizado ás 11:58 h.
O Entroido incorpórase á lista oficial de Bens de Interese Cultural (BIC), na que xa figuran arredor de 800 bens mobles e inmobles por toda Galicia: igrexas, castelos, pazos, petróglifos, esculturas, libros, torres, castros, mámoas, etc. Ata o momento, o número de bens inmateriais catalogados (entre eles, algúns entroidos singulares como o de Santiago de Arriba, en Chantada) era bastante reducido.
Este recoñecemento ten un importante valor simbólico, aínda que as súas repercusións prácticas no desenvolvemento desta festa popular, que se celebra ano tras ano en aldeas, vilas e cidades de toda Galicia, serán escasas ou nulas. Con todo, supoño que contribuirá a reforzar o seu atractivo nos paquetes turísticos. Cómpre lembrar que algúns entroidos xa ostentan recoñecementos como festas de interese turístico, incluso de nivel internacional, como o de Xinzo de Limia, en Ourense.
O Entroido (carnaval, antroido, entruido…) é unha festa singular, única, a gran festa das festas, configurada na Baixa Idade Media como oposición á Coresma cristiá. Ao longo dos séculos transformouse no que Méndez Ferrín definiu como un «pozo negro de residuos culturais arcaicos». Desprovidos do seu significado orixinal, fóronse incorporando elementos de orixe romana, prerromana e católica, así como influencias do carnaval urbano máis sofisticado e exhibicionista, propio das elites sociais e económicas europeas. O resultado: unha festa rica, variada e poliédrica.
Os profundos cambios sociais das últimas décadas reflictíronse na forma de vivir o lecer festivo. Pero, hoxe como onte, cambiar de identidade, aínda que sexa por unhas horas, mantén o seu encanto. A máscara, a risa, a sátira, a imaxinación e a creatividade seguen a nutrir o crecemento exponencial do carnaval galego nos últimos anos. E non só nas zonas con forte tradición local, senón tamén en moitas vilas e cidades que adoptaron a costume de disfrazarse, invadir as rúas e gozar dunha festa diferente ás habituais e estandarizadas.
Federico Cocho é autor do libro «Carnaval en Galicia».
Archivado en: Carnaval, Escultura, Libros, Residuos, Xinzo de Limia
Fonte: www.lavozdegalicia.es
