O BNG de Xinzo critica a «improvisación» do Goberno no balance do Entroido | NOTICIAS XINZO

Diario do Limia

O BNG de Xinzo de Limia realizou unha análise crítica do último Entroido, sinalando a improvisación e a falta de transparencia económica na xestión municipal. O voceiro Camilo Vila, acompañado por Manuel Pozo e Mirian Opazo, lamentou que tres semanas despois do remate da festa, o Concello aínda non presentou un balance oficial nin económico da celebración.

A formación destacou como aspectos positivos os eventos organizados polo tecido asociativo e a veciñanza, como o Colgamento do Meco, o Domingo Oleiro, o Desfile Infantil e a festa de piñata. Segundo o BNG, o éxito destas citas demostra que o Entroido «auténtico» o fai a xente e non a institución.

Entre as críticas, o BNG sinalou a irresponsabilidade en decisións loxísticas, como a celebración do Petardazo nun lugar alternativo sen as medidas de seguridade orixinais, a ausencia de control sobre a chegada masiva de autobuses e a práctica do botellón.

Tamén se criticou a situación do Museo Galego do Entroido, que segundo o BNG estivo pechado durante gran parte do Entroido. Ademais, apuntouse á falta de planificación previa para evitar o estacionamento de vehículos no itinerario alternativo do gran desfile de martes.

Camilo Vila fixo un chamamento á recuperación da comisión veciñal para devolver o protagonismo á sociedade civil, deixando as tarefas loxísticas e de seguridade en mans do Goberno municipal. Exixiu tamén un balance real do retorno económico que xera o evento no municipio.

Fonte: www.diariodolimia.gal

VER NOTICIA COMPLETA