Xinzo de Limia: Inxección económica para o Servizo de Axuda no Fogar e melloras en infraestruturas
O Pleno da Corporación de Xinzo de Limia aprobou unha partida extraordinaria de 150.000 € para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co obxectivo de ampliar a cobertura e reducir os tempos de espera. A proposta foi aprobada coa maioría da Corporación, a pesar do voto en contra do BNG.
Ademais, deuse aprobación provisional á actualización conforme ao IPC das ordenanzas de sumidoiros e depuración, e de subministración de auga, que incorpora unha tarifa especial por fugas. O PSOE abstívose nestes puntos.
O Concello anunciou obras por máis de 150.000 € en núcleos rurais, incluíndo a pista en Pena, o acceso e núcleo de Soutelo de Pena e diversas rúas en Ganade.
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción instando á Deputación de Ourense a poñer en funcionamento a planta de valorización de residuos de construción de Morgade, para combater os vertidos incontrolados. O alcalde, Amador Díaz, comprometeuse a trasladar a petición ao presidente provincial.
Fonte: www.xinzodelimia.gal
