Os concellos da limia fan fronte común e reclaman unha reunión urxente coa xunta polos danos dos temporais

Concello de Sandiás

Os alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia reuníronse o pasado luns 9 de marzo de 2026 no Concello de Xinzo de Limia para acordar unha estratexia conxunta. O obxectivo principal é reclamar máis apoio institucional fronte aos graves danos provocados polos temporais e as intensas chuvias recentes. A xuntanza rematou coa decisión de solicitar unha reunión urxente co presidente da Xunta de Galicia.

O encontro serviu para establecer unha unidade de acción entre os municipios afectados e coordinar as peticións de axuda para a recuperación das infraestruturas danadas, como pistas, accesos e outros servizos públicos básicos. Os rexedores sinalaron que a magnitude dos estragos supera a capacidade económica dos concellos, polo que consideran imprescindible a implicación directa da Xunta no financiamento das obras de reconstrución.

A pesar de que a maioría dos municipios xa iniciaron trámites para acceder a axudas estatais, cuxas valoracións técnicas sitúan o custo total das actuacións necesarias por riba dos 4 millóns de euros na Limia, estas subvencións cobren un máximo do 50% do investimento. Os alcaldes consideran esta porcentaxe insuficiente, xa que asumir a metade restante das obras podería comprometer seriamente a estabilidade financeira das administracións locais, especialmente en concellos rurais.

Por este motivo, ademais de reclamar a implicación da Xunta de Galicia, os rexedores tamén solicitarán a colaboración da Deputación de Ourense. O propósito é que as tres administracións coordinen un plan de financiamento que permita afrontar a reconstrución sen afogar as arcas municipais.

Durante a reunión, destacouse que os danos afectan de forma xeneralizada a toda a comarca, polo que os concellos decidiron reforzar a coordinación e ampliar o fronte común. O grupo está formado polos municipios de Baltar, Calvos de Randín, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. Con esta alianza, a comarca pretende trasladar unha mensaxe clara ás administracións superiores: a Limia actúa agora cunha soa voz para reclamar medidas urxentes que garantan a recuperación das infraestruturas e a mobilidade da veciñanza tras os estragos causados polos últimos temporais.

Fonte: www.sandias.es

VER NOTICIA COMPLETA