O rueiro de XINZO DE LIMIA a través do tempo.

Blogs

Vou facer un repaso polos distintos nomes que a través do tempo recibiron algunhas das rúas e prazas de Xinzo de Limia. Sempre fun partidario de que rúas e prazas non levaran nomes de políticos nen nomes relixiosos, para evitar ferir sensibilidades, soamente nomes de intelectuais, artistas, profesionais, ríos, montes, etc. E cando se trata de peersoas que sexan merecentes dun recoñecemento xeral pola súa aportación a vila e o concello de Xinzo. Inda que non sempre foi así e hai erros clamorosos que había que rectificar. Aproveito para denunciar que falta nesta vila un recoñecemento ao constructor e promotor inmobiiario Modesto Montero Colmenero, con quén a vila e o pobo de Xinzo ten unha débeba.
Rúas: Avenida de Ourense e avenida de Madrid.
Nun plano de Xinzo do ano 1856 figura como Carretera de Vigo a Castilla. Noutro do ano 1920  figura co nome de Carretera de Villacastín a Vigo, nome co que se coñeceu durante moitos anos inda que simplificado como a Carretera General. Con data 22.05.1935 en pleno municipal o concello republicano dálle o nome de Avenida del Progreso. Posteriormente, e durante a guerra civil pasa a chamarse Avenida del Generalísimo Franco[i]. Ata que coa morte do ditador e a chegada da democracia, o concello divide a rúa en dúas e nomea dende a Praza Maior en dirección a Ourense como Avenida de Ourense e en dirección a Madrid como Avenida de Madrid.
Rúa Carmen Novoa.
Esta rúa desde tempo inmemorial sempre foi coñecida como Camiño do Mato e posteriormente como Rúa do Mato. Nunha decisión nin entendida nin comprendida pola maioría da veciñanza, que ignoran os méritos da homenaxeada coa vila, o concello, nos primeiros anos do século XXI, mudou o nome polo de Rúa Carmen Novoa.
Rúa Blanco Amor.
Nesta rúa que vai desde a Praza de San Roque a rúa de Outurelo (J C.Romero Nieto), foi dedicada a Manuel Villamarín Rodríguez, por ser o primeiro veciño da vila morto na guerra civil de 1936/1939, acordo unánime da corporación municipal, en pleno celebrado o día 02 de xullo do ano 1960. Posteriormente cando se fixo o novo rueiro, ignorando os nomes antigos de moitas rúas, pasou a denominarse rúa Blanco Amor.
Rúa de Casto Rodríguez Otero.
O camiño desde a parque do Pombal ata os cemiterios era coñecido como Camino del Cementerio. No acordo municipal de 22.05.1935, acordase darlle o significativo nome de Calle de la Gloria. Chegada a democracia pasou a chamarse Rúa do Cemiterio e posteriormente a principios do século XXI muda o nome para o actual de Rúa de Casto Rodríguez Otero, médico natural de Allariz que exerceu en Xinzo durante moitos anos.
Rúa da Constitución.
Esta rúa figura en diversos papeis municipais como Camino Real de Tuy a Castilla, incluía desde a rúa Rosalía de Castro ata o camiño da Moreira. Nun plano de Xinzo de 1920 figura xa co nome de Rúa da Paz, que debía chegar ata a Praza de Oriente. Pouco tempo despois, aproximadamente nos anos 20, se lle pon o nome do político bugallista Luís de Usera. Nome que se modifica coa chegada da República e a xestora municipal republicana toma o acordo, con data 07.05.1931, de que a rúa se denomine no sucesivo Rúa de Alcalá Zamora, en honor ao primeiro presidente da República, ordenando adquirir unha placa de mármore e se coloque no lugar da anterior. Durante a guerra civil reponse o nome de Luís de Usera. Non é ata a chegada da democracia que a corporación municipal de Xinzo lle cambia o nome polo que ten na actualidade de Rúa Constitución, un homenaxe a actual Constitución española. De todas formas a rúa é máis coñecida popularmente como rúa dos Viños.
Rúa do Cruceiro.
Esta rúa anteriormente formaba parte do Camiño do Formigueiro, debe o seu nome a que no cruce desta e as actuais rúas Formigueiro e Marcelo Macias, contaba cun cruceiro que a mediados dos anos 70 foi trasladado a explanada existente entre a rúa Lepanto e avenida de Madrid. 
Rúa de Curros Enríquez.
En 1906 figura nun acta dun pleno municipal como rúa do Nacente tamén chamada Estrada Provincial de Paradiña a Baños de Bande (entre Xinzo e Pena, e entre Xinzo e Sabucedo). No plano de 1920 figura co nome de Carretera Provincial a Villar de Barrio. En 22.05.1935 mediante outro acordo en pleno municipal a rúa do Nacente muda a rúa Gran Vía. Durante a guerra civil ou a posguerra pasa a denominarse Presidente Carmona[ii], en honor do presidente Portugués, ata que nos anos 90 dáselle a actual denominación do poeta de Celanova,  rúa de Curros Enríquez.
Rúa Dous de Maio.
Nalgunha acta do concello de Xinzo do primeiro cuarto do século XX figura como Estrada Provincial de Paradiña a Baños de Bande (entre Xinzo e Pena, e entre Xinzo e Sabucedo). Pero no plano do ano 1920 figura como Carretera Provincial de Sabucedo. Logo sería coñecida por Carretera de Lamas o del Poniente  como é mencionado en algunhas actas do concello. Posteriormente no pleno municipal de 22.05.1935 acordan darlle o nome de Calle Dos de Mayo de 1808, nome co que se coñece na actualidade.
Rúa Ferro Couselo.
Esta rúa no centro da vila, antes un camiño de servizo as fincas da zona, foi sempre coñecida como a Canella da perrera, lugar que tanto servía para que os veciños e visitantes fixeran as súas necesidades, como na igrexa nova, ou para deixar atadas as cabalerías coas que viaxaban a Xinzo.
Rúa Formigueiro.
Esta rúa, anteriormente camiño do Formigueiro comezaba no camiño da Roda e terminaba na actual rúa Curros Enríquez, camiño de servizo para as fincas da zona, só conserva o nome en parte, xa que a outra foille posto o nome de rúa do Cruceiro.
Rúa do Forno do Concello.
Debe seu nome a que nesta rúa estivo o forno comunal da freguesía de Santa Mariña e vila de Xinzo, segundo podemos ler no catastro do Marqués da Ensenada do ano 1753

Fonte: historiadexinzo.wordpress.com

VER NOTICIA COMPLETA