A historia das parteiras en Galicia, reflicte a evolución da asistencia ao parto desde tempos antigos ata mediados dos anos 70 aproximadamente. Desde a prehistoria, existen evidencias de mulleres asistindo a outras durante o parto, unha práctica que se mantivo ao longo da historia da humanidade.
Na Idade Media, a asistencia ao parto e o papel das parteiras variaban enormemente dependendo do status social da parturiente. As parteiras de entón necesitaban permiso da Igrexa para exercer e eran vistas como mulleres íntegras con experiencia na profesión.
Co paso do tempo, especialmente a partir do século XVII, as parteiras foron adquirindo coñecementos especializados na arte dos partos, sendo en moitos casos as únicas capacitadas para atendelos, xa que parece ser que os médicos da época mostraban pouco interese no proceso fisiolóxico do parto.
A partir do século XIX, as parteiras ou matronas víronse aínda máis relegadas, con restricións sobre a administración de medicación e o uso de instrumentación. Esta situación levou a que practicamente desaparecesen nas zonas urbanas, aínda que con certas dificultades continuaron o seu imprescindible labor nas aldeas e zonas rurais, onde o acceso a médicos, medicinas e hospitais era difícil ou moi limitado.
Posteriormente e a pesar dos avances en medicina e a maior presenza de médicos nos partos, as parteiras ou matronas continuaron sendo unha figura esencial na asistencia ao parto en zonas rurais ata ben entrado o século XX, este século trouxo consigo importantes cambios para a profesión, incluíndo a creación de colexios de matronas e a regulación dos estudos. En resumo, a historia das parteiras en Galicia e o seu papel foi e segue sendo esencial na asistencia ao parto das mulleres.
Na actualidade, a profesión de matrona está altamente regulada en moitos países, con programas de formación académica e centrado na muller do parto. As matronas modernas traballan tanto en hospitais como na comunidade, proporcionando unha opción para as mulleres que prefiren un parto máis natural e menos médicalizado.
En Xinzo de Limia as mulleres menos podentes tiveron a sorte de contar con unha destas habilidosas parteiras, que deu solución a unha das tarefas máis importantes das mulleres embarazadas: Genoveva Vázquez Calviño (Ponte Barxas-Padrenda, 01-08-1895-Xinzo de Limia, 23-09-1971), “coñecida popularmente como a señora Genoveva”. Nada ás dúas da tarde recibiu as augas do bautismo o día 3 de agosto na igrexa parroquial de San Cibrao de Padrenda (Ourense), recibindo o nome de Genoveva. Era filla de Ramón Vázquez Colmenero[1], natural de Ansemil, partido de Celanova, carabineiro de profesión[2], e Adelaida Calviño Rodríguez, natural de Xinzo de Limia[3]. Genoveva casou con Julio Vázquez Álvarez, natural da aldea de Queiroás, parroquia de Santiago de Folgoso, Allariz (01-0-1898. Xinzo de Limia, 28-12-1964)[4].
Genoveva e Julio criaron unha extensa familia xa que trouxeron ao mundo a nove fillos: Julio, María Asunción, Vera, Milagros, María del Carmen, Manuela, Ramón, Eugenia e Adelaida. No seu matrimonio as cousa non foron precisamente ben. Genoveva no ano 1930, estando cun embarazo moi adiantado, percorreu media España para ir a Posadas (Córdoba) na procura do seu marido, alí sorprendeuna o parto e naceu a súa filla Manuela. Posteriormente a filla Vera, a finais dos anos 50, tivo que viaxar a Ourense para que seu pai, que se atopaba nunha situación moi precaria, volvera de novo a casa familiar en Xinzo.
Nun dos seus numerosos partos, Genoveva viviu unha experiencia traumática, xa que naceu a súa filla Vera en Vilar de Santos, onde residían e, aos cinco días, morreulle a súa querida nai Adelaida[5], á quen había coidado con tanto agarimo pola súa cegueira. Non se puido pescudar e coñecer as circunstancias e o tempo que a familia viviu en Vilar de Santos.
Julio o seu home, de profesión muiñeiro e albanel, traballou na Molinería Antelana S.A do Ruca, no barrio de Villasana en Xinzo de Limia e, durante os anos 40, anos da fame, Genoveva tamén traballou na fabrica de pan da mesma empresa, que era propiedade de Luis Barge Calviño “O Ruca”, unha das máis importantes fortunas da vila. Genoveva e Luis eran primos segundos, fillos de dúas primas carnais: Raquel Barge Calviño e Adelaida Calviño Rodríguez respectivamente.
Genoveva foi unha das mais lembradas veciñas do Barrio de Abaixo de Xinzo, destacan. os que a coñeceron, que era unha muller de bo carácter, moi traballadora e moi solidaria, era ademais de ser unha muller moi activa, non soamente atendía a súa extensa prole, sen non que coidaba dos seus pais, el fora carabineiro e a súa nai estaba cega. Ao mesmo tempo facía as cousas da casa e, en canto tiña un pouco de tempo libre, estudaba xa que tiña algún libro de medicina que trataba de como atender os partos, sen esquecer que tamén realizaba unha labor social de axuda e apoio aos seus veciños necesitados[6].
A señora Genoveva debeu adquirir os seus coñecementos a través do estudo dos seus libros e dá súa propia experiencia xa que trouxo ao mundo a nove fillos. Tamén das prácticas transmitida por algunhas outras parteiras das que seguramente foi testemuña. Persoa moi relixiosa chegaba a bautizar, logo do parto, nos casos dos recen nados dos que perigaba a súa vida. Non só asistía nos partos, senón que tamén proporcionaba coidados prenatais, consellos sobre lactación e coidado do recen nacido. Debía utilizar ancestrais remedios caseiros, e posuía un profundo coñecemento sobre as posicións e manobras para facilitar o parto.
A súa bisneta Noelia Gestoso manifesta nunha entrevista no xornal La Región, con motivo da homenaxe do concello: “que se nacese un século despois, probablemente sería médico ou enfermeira porque, nun momento no que o acceso á educación era inimaxinable para moitas familias, Vázquez Calviño xa sabía ler. Isto levoulle a interesarse polos libros de medicina: “Ela era ama de casa e tivo nove fillos”, conta Noelia. “Empezou a ler libros e debeulle gustar ese mundo. Aprendeu a hixienizar os panos e tiña o seu propio instrumental”, engade”.
A súa actividade, como parteira durante boa parte do século XX, nunca lle produzo algún beneficio económico, a súa labor era totalmente desinteresada, non cobraba pola súa asistencia aos partos. Axudou a moitas veciñas a parir aos seus fillos, xa que daquelas o normal era que as mulleres pariran no seu domicilio, nun contexto no que a sanidade pública apenas existía, daquelas en Xinzo, había soamente dous ou tres médicos da APD (Asistencia Pública Domiciliaria), e un practicamente, tempo no que non consta que existira algunha outra matrona titulada na vila.
Da súa pegada na memoria dos veciños de Xinzo, reproduzo algúns comentarios que se fixeron no meu Facebook cando publiquei unha pequena biografía e unha foto dela:
>.