Este artigo resume a vitoria do Antela sobre o Córgomo, destacando a solidez defensiva, o dominio no mediocampo, o debut de Isuardi, o rendemento de Joni e Jorginho, a estratexia de Bruno Gómez, a aposta pola canteira e a celebración cos afeccionados.

Crónica do Partido Antela – Córgomo

UN

O mellor partido do Antela na Moreira aconteceu diante dun rival que lle quixo discutir o balón. Os de Bruno gañaron o partido desde a defensa. Primeiro, cunha liña espléndida na que destacou Boán secando ao ‘nove’ contrario. Despois, cunha presión alta que obrigou ao Córgomo a iniciar o xogo pola dereita. A táctica coceuse na sesión do xoves, e así se abriu o partido: roubo na esquerda o ataque local e entrada de Joni desde a dereita para marcar o 1-0.

DOUS

A solución á baixa de Caneiro foi Breixo, que dominou o mediocampo co seu sentido defensivo e empuxando no equipo cara adiante. O Córgomo non tivo acerto nin resposta, e en canto Xabi Lamas se asentou, o Antela xogou a pracer con moito espazo e máis ritmo que en partidos anteriores sempre trabados.

TRES

Isuardi debutou como lateral dereito. Deixou algún detalle, leves impresións do que é un lateral de calidade. O balón non lle queima nos pés, ofrece seguridade no pase, defende con contundencia e sen alardes.

CATRO

Joni segue tendo gol. Onte como extremo pola dereita, sorprendeu aparecendo desde atrás nas dúas accións de gol. Participou, e moito, no labor de recuperación. O flanco dereito do Antela estivo sempre ben cuberto por Joni, Xabi e Isuardi. Lois apareceu o xusto, discreto, eficiente. O flanco esquerdo foi de Tiago, que xogou o seu mellor partido da tempada asumindo o ton serio da defensa. O carácter dos defensas importa… e Tiago, concentrado, eleva o nivel.

CINCO

Jorginho anotou o seu sétimo gol da Liga co primeiro equipo en 25 partidos. Ten 19 anos e un futuro certo en categorías superiores. O seu regreso a Xinzo vai acabar por resultar un acerto. O Antela goza del, do seu traballo, dos seus goles, das súas armas na área e fóra da área, da súa disciplina e implicación. É a mellor noticia do ano. Cóideno.

SEIS

Os lobos liderados por Pedro, sempre cunha marcha máis que o Córgomo, son unha promesa de cara o soño da Preferente. Pedro xa ten herdeiros: Jorginho, o primeiro. Mais tamén apareceron no final do choque Anxo Pena, Carlos e Raúl Dinís, os tres con fame. Dinís de novo como extremo. A dianteira do Antela, esta dito, anuncia unha época. Mais no fútbol de hoxe todo é efémero.

SETE

Bruno Gómez volveu despregar desde a estratexia a variedade de rexistros que ten este equipo. Sen Caneiro nin Antón, dous imprescindíbeis estes meses, dous especialistas ao fin, o equipo tivo solucións… as facilidades no medio do campo que ofreceu o rival fixeron o resto e xogadores como Óliver, Joni ou Lamas puideron despregar a súa mellor versión. O técnico limiano tivo a virtude de que inda que tocou todo pareceu que tocou o xusto. Case oito meses despois, hai a impresión de que Bruno domina a esencia do material que moldea, coma un oleiro.

OITO

Xurxo xogou o seu terceiro partido consecutivo co primeiro equipo. Vai collendo o sitio e ten a confianza dos adestradores. Outra mostra de que a canteira, si se respecta, produce. No primeiro equipo están ademais Andrés, Aarón e Peque. Co primeiro equipo debutaron tamén Raúl, Felipe, Pitu, Lucas Carnero, Penabad… O Antela, malia as esixencias da tempada, non perdeu ese norte.

NOVE

A Moreira celebrou onte unha festa que comezou coa entrega dos premios ao xogador de cada mes desde o comezo da Liga. O premio consiste nun debuxo de Xosé Lois Carreira, o escultor limiano, que os futbolistas recibiron con gratitude, un recordo perenne do que está a ser unha tempada no cumio, coa esixencia do ascenso, do título, e a presión de ir sempre en cabeza. Rafa Penabad, exconcelleiro de Deportes na corporación municipal, participou na cerimonia xunto ao propio Carreira e o presidente e o vicepresidente do club, Pablo Losada e Juan Gómez. A actual concelleira de Deportes, Cristina Campero, desculpou a súa ausencia por un asunto familia. O Antela traballa para estar á altura do que Xinzo e A Limia merecen e demandan.

DEZ

O club celebrou a semana pasada a cifra de 500 socios e no partido contra o Córgomo rexistrou unha das mellores entradas da tempada, 307 espectadores. Son números humildes, máis unha base sólida para unha entidade que en maio pasado sufriu un doloroso golpe deportivo e que, menos dun ano despois, está a punto de asinar un éxito que restitúa ao primeiro equipo á categoría que merece e pola que traballa.

Todo iso aconteceu co Córgomo como convidado, un club admirábel, nunha tarde da pequena historia do Antela camiño do regreso a Preferente. Faltan 8 puntos para chegar aos 72 que a día de hoxe dan o título – é o máximo de puntos que pode alcanzar calquera rival (o Celanova, co que o ‘golaverage’ é favorábel)-.

FICHA TÉCNICA

Antela, 5; Córgomo, 0.

Antela: Bruno Pío; Isuardi (Cole, 66′), Boán, Tiago Teixeira, Breixo, Óliver (Anxo, 66′), Xabi Lamas (Xurxo, 75′), Jorginho (Carlos, 66′), Pedro, Joni (Dinís, 71′) e Lois.

Córgomo: Luis Miguel; Jorge (Luis, 56′), Gorka, Vidal (Gabárrez, 46′), Rubén, Iván (Jes, 46′), Diego López, Saki (Abio, 64′), Álvaro (Reguera, 46′), De Jesús e Álex Domínguez.

Goles: 1-0, min. 19: Joni; 2-0, min. 34: Diego (p.p.); 3-0, min. : Joni; 4-0, min. 62: Jorginho; 5-0, min. 72: Cole.

Árbitro: Hugo Alcázar. Amarelas a Isuardi, Joni e Cole, polo Antela. E aos visitante Diego López, Reguera e Luis Miguel.

Incidencias: 307 espectadores na Moreira. O club entregou as pezas de Xosé Lois Carreira que premian aos xogadores do mes desde o inicio da Liga.

PRÓXIMO PARTIDO: Viana – Antela, xornada 30ª, domingo 13 de abril.

AS CRÓNICAS

Fonte: antela.fala.gal

VER NOTICIA COMPLETA