O partido aprazado da 21ª xornada do Grupo 2 de Preferente Futgal entre o Antela e o Sporting Celanova, que fora suspendido polas inundacións en Xinzo, disputarase mañá xoves, 19 de marzo, ás 17:00 horas no campo da Moreira. O colexiado encargado de dirixir o encontro será Carlos López López.

O Antela afronta este encontro na sexta posición da táboa, con 43 puntos, achegándose ao obxectivo de permanencia fixado en 45 puntos. Unha vitoria permitiríalle ascender unha praza e volver a zona de play-off de ascenso.

Pola súa banda, o Sporting Celanova, dirixido por Ángel Mociño, loita por conseguir a permanencia. O equipo celanovés ocupa a penúltima posición, a sete puntos da salvación, e está a verse minguado polas lesións dende o inicio da tempada. Como visitante, o seu bagaxe é de catro empates e só seis goles a favor en catorce encontros.

Non obstante, cómpre lembrar que o ano pasado, o Celanova conseguiu empatar sen goles no seu último desprazamento á Moreira, nun partido onde ambos equipos competían polo ascenso, meta que finalmente acadaron.

No seo do cadro local, coas novidades de Pedro, Tiago e Mauro Sabucedo, o partido presenta un dobre interese: acadar os puntos necesarios para asegurar a permanencia e manter vivas as opcións de loitar polo ascenso. Ademais, o Antela buscará prolongar a súa racha de imbatibilidade na Moreira, onde suma nove vitorias e tres empates na liga, cunha media de dous goles por partido.

Debido á necesidade da Federación Galega de Fútbol de resolver canto antes os partidos aprazados para non desvirtuar a competición, o encontro de Copa Deputación entre ambos clubs, que estaba programado para esta data, atrasarase unha semana. A eliminatoria de Copa xogarase finalmente o mércores 25 de marzo.

Fonte: antela.fala.gal

VER NOTICIA COMPLETA