“Do Cartelle preocúpanme o equipo e o campo. Creo que é un equipo que está a traballar ben e lle vén complicando moito as cousas aos rivais de arriba. O campo é un hándicap para o noso xogo, pero temos que nos adaptar o máis pronto posíbel e xogar un pouco máis directo”, di Bruno Gómez, adestrador do Antela, ao remate do último adestramento da semana, onte no sintético Fernández Carrera, mentres as Escolas Deportivas celebran o seu magosto.
O Antela vai a Cartelle sabendo moi ben que tipo de rival e de partido enfrontará. Será un choque sen trámites, nun campo de area e pequeno, contra un rival que se rearmou co tempo xusto para comezar a Liga e amárrase á categoría despois de tres tempadas, as anteriores, nas que competiu na zona alta.

No Antela son novidade Tiago Teixeira, Xabi Lamas e Raúl Dinís, que descansaron o domingo pasado, e Jorginho, que regresa despois de xogar co B. A competencia é moi forte na dianteira, e desta volta quedan fóra da lista Víctor Cacharrón e Álex Teixeira, os puntas titulares nos dous últimos partidos.
Mantéñense Aarón, Anxo Pena, Antón e Raúl Lorenzo, que debutou co primeiro equipo o domingo diante do Peroxa. Bruno Gómez está contento co esforzo dos xogadores. “Estamos francamente ben, a competencia é boísima e sa. Así que temos problemas para elixir os que entran na da convocatoria e no once… Quizais estamos un pouquiño máis xustos nos centrais en canto a competencia”, sinala.

[embedded content]

O Cartelle, quinto a pasada tempada, cambiou por completo. Chegou xusto para comezar a Liga. Fichou como adestrador a Daniel Prado, que ascendeu co Arrabaldo a Primeira, mais o club renunciou tras a reestruturación dos grupos. Co técnico chegaron Ismael, Flores, Picón, Rubén González, Días e Pascual. Tamén dous porteiros, Prada, do Santa Teresita, e o limiano Dalama, no Antela as dúas últimas campañas. Volveu o local Brais Martínez (ex Outomuro), e incorporáronse outros como Yelko (Purísima), Conde (Covadonga) e Saúl (Barbadás B).
En pleno proceso de reconstrución, o equipo arrancou mal a Liga, con só unha vitoria (contra o Seixalbo) nos sete primeiros partidos. Mais nos dous últimos parece ter dado un salto. Gañou 3-0 ao Sporting Carballiño hai quince días e o domingo pasado resistiu en Celanova até o minuto 90 (1-0).
Bruno Gómez fixo fincapé na táctica de ataque no último adestramento. O Antela vén de dous empates agridoces: na Copa diante do Barco (caeu despois nos penaltis) e na Liga contra o Peroxa. “Puidemos gañar os dous. Na Copa estivemos en partido até a expulsión de Tiago; e na Liga dominamos, pero non marcamos”, ademite do adestrador. Do acerto no pase e na conversión da poderosa dianteira limiana, con Pedro, Joni, Óliver, Antón, Anxo, Dinís e Jorginho, dependerá bo parte da sorte do Antela, que segue invicto na competición e gañou todos os partidos fóra.
Cartelle – ANTELA, domingo 10 de novembro, 16,45 horas, no Pau Rañado (Cartelle).
Convocatoria: Bruno Pio, Andrés, Peque, Breixo, Boán, Tiago Teixeira, Aarón, Martín Caneiro, Cole, Xabi Lamas, Raúl Lorenzo, Óliver, Pedro, Joni, Antón, Anxo, Raúl Dinís e Jorginho.

Fonte: antela.fala.gal

VER NOTICIA COMPLETA