Vilar de Santos expón á Deputación as súas demandas de mellora | NOTICIAS XINZO

Diario do Limia

O goberno municipal de Vilar de Santos mantivo unha xuntanza institucional coa Deputación de Ourense para presentar as principais demandas do concello e explorar vías de colaboración. Na reunión, celebrada na sede provincial, participaron o alcalde Marcos Nogueiras, a tenente de alcaldesa Begoña Francisco, e o presidente da Deputación, Luís Menor.

Durante o encontro, tratáronse distintas actuacións consideradas prioritarias polo executivo local para a mellora da calidade de vida da veciñanza e o reforzo dos servizos públicos. Os representantes de Vilar de Santos invitaron a Luís Menor a visitar o municipio para coñecer de preto proxectos en marcha e recursos importantes como o Museo da Limia e o parque empresarial, invitación que o presidente provincial aceptou.

Entre as propostas presentadas, destacan a creación dunha nova rotonda na estrada da Saínza para mellorar a seguridade viaria, a ampliación da beirarrúa na glorieta do parque empresarial co fin de facilitar o tránsito peonil, e a habilitación dun acceso con adoquíns na contorna da capela de Santa Marta, acompañado dun proceso de humanización do espazo.

No eido cultural, o Concello de Vilar de Santos solicitou apoio para o mantemento do Museo da Limia e financiamento para a segunda fase da súa ampliación, co obxectivo de consolidar este espazo como un referente patrimonial e turístico da comarca.

O presidente da Deputación mostrouse receptivo ás peticións e aberto á colaboración nas actuacións consideradas máis urxentes. O alcalde e a tenente de alcaldesa agradecieron a receptividade da Deputación, destacando a importancia da coordinación entre administracións, especialmente para os concellos pequenos, para o desenvolvemento de novos investimentos.

Fonte: www.diariodolimia.gal

VER NOTICIA COMPLETA