A cultura da Limia chega ao museo do Celta de Vigo coa máscara dunha Pantalla
A cultura popular da Limia suma presenza nun dos espazos máis simbólicos do fútbol galego. O artista Roberto Nogueiras fixo entrega oficial dunha das súas creacións ao Real Club Celta de Vigo, unha máscara de Pantalla que combina a esencia do Entroido coa identidade celeste e que xa forma parte do museo da entidade viguesa.
A obra naceu no contexto da colaboración creativa cos documentais que o club está a producir arredor do Entroido galego, unha serie audiovisual que este ano puxo o foco no Xinzo de Limia, referente indiscutible destas celebracións. A partir dese proxecto, Nogueiras concibiu unha peza única, pensada para unir dous símbolos colectivos moi arraigados: a tradición limiá e o sentimento celtista.
Tras a súa estrea, a máscara foi recibida polos representantes do Celta e incorporada aos fondos expositivos do museo situado no Estadio Municipal de Balaídos. Alí poderá ser contemplada polos afeccionados e visitantes, compartindo espazo con camisetas históricas, trofeos e recordos que narran a traxectoria do club.
Para o artista, vencellado á comarca da Limia, esta incorporación supón un motivo de orgullo. A peza converte o Entroido nunha presenza permanente nun escaparate de grande proxección, visibilizando a forza dunha tradición viva e o valor do traballo artesanal.
A Pantalla, símbolo recoñecible de Xinzo, amplía así o seu percorrido cultural e atopa un lugar onde seguir representando a identidade dun territorio máis alá do tempo da festa, levando a memoria do Entroido a novos públicos durante todo o ano.
Fonte: www.diariodolimia.gal
