Análise do sector da pataca en Xinzo de Limia
O Concello de Xinzo de Limia impulsa a súa estratexia de potenciación e protección do medio rural cun estudo centrado no sector agrícola, concretamente na pataca, cultivo principal da comarca de A Limia.
A Universitatde de Santiago de Compostela (USC), coordinada polo profesor Francisco Jesús Ferreiro Seoane e un equipo multidisciplinar de investigadores da USC e da Universidade da Coruña (UDC), é a encargada de elaborar este informe académico e económico.
O obxectivo principal do estudo é ofrecer unha radiografía baseada en datos obxectivos sobre o papel da pataca na comarca, analizando aspectos como o seu peso no emprego, a xeración de riqueza e a súa influencia na fixación de poboación. Tamén se buscarán oportunidades de desenvolvemento futuro ligadas a esta actividade agrícola.
As conclusións oficiais do estudo presentaranse o vindeiro venres 27 de marzo, durante a gala dos Premios Semente. Este certame, promovido polo Concello de Xinzo de Limia, busca recoñecer iniciativas emprendedoras no sector agrícola e poñer en valor a calidade da pataca e o cereal da comarca.
Como anticipo, o Concello de Xinzo de Limia dará a coñecer nos vindeiros días datos relevantes do estudo para salientar o impacto real da agricultura na economía local.
Fonte: www.diariodolimia.gal
