Accidente en Xinzo deixa un ferido e agrava os problemas de tráfico
Un condutor dun furgón de mensaxería resultou ferido na mañá deste luns, 3 de xuño, tras un accidente de tráfico na estrada N-525, no centro de Xinzo de Limia, fronte ao bar Villasana. O sinistro produciuse cando un turismo impactou contra o furgón, que estaba parado coas portas abertas.
Como consecuencia da colisión, unha das portas do vehículo alcanzou ao condutor, provocándolle lesións. Ata o lugar desprazáronse servizos sanitarios, Policía Local, Protección Civil de Xinzo e bombeiros, que atenderon ao ferido e aseguraron a zona.
Este accidente prodúcese nun momento de notable incremento do tráfico no casco urbano de Xinzo, especialmente de vehículos pesados. A causa é o corte da autovía A-52 ao seu paso pola localidade, o que obriga a desviar a circulación polo centro da vila. Esta situación incrementou considerablemente a densidade de tráfico na N-525 nos últimos días.
Fonte: www.diariodolimia.gal
