O PP de Vilar de Santos denuncia a inestabilidade política e a grave situación económica do Concello

Diario do Limia

A portavoz do Partido Popular en Vilar de Santos, Mónica Quintas, criticou a situación de ingobernabilidade e inestabilidade política que sofre o Concello. Dende o inicio do mandato, Vilar de Santos xa tivo tres alcaldes do BNG.

Ademais, o Concello vén de aprobar as contas do exercicio de 2024, pero carece de orzamentos actualizados dende 2022, funcionando cunha prórroga dos anteriores. Quintas sinalou que a aprobación das contas de 2024, que se está a realizar en xaneiro, reflicte un déficit próximo aos 205.000 euros, o que cualifica de xestión económica deficiente por parte do BNG.

A portavoz popular tamén denunciou a renuncia de tres concelleiros do BNG, ademais da dimisión da concelleira Raquel Coello este pasado venres. Segundo Quintas, estas dimisións, xustificadas por motivos persoais, ocultan problemas internos no grupo de goberno que dificultan unha xestión municipal estable.

Quintas subliñou que estes cambios constantes na alcaldía e no grupo de goberno teñen consecuencias directas no funcionamento do Concello e na prestación dos servizos públicos, afectando á estabilidade financeira municipal. Contrasta esta situación co apoio financeiro da Deputación de Ourense, que destinará 888.000 euros a Vilar de Santos a través do Plan de CooperOU e outras axudas.

Fonte: www.diariodolimia.gal

VER NOTICIA COMPLETA