O pleno da Deputación de Ourense aprobou inicialmente e por unanimidade o Plan CooperOU 2026, un proxecto cunha dotación de 19 millóns de euros para actuacións en todos os concellos da provincia. Esta cantidade supón un incremento de 1 millón de euros respecto ao ano anterior.
A repartición dos fondos combinará unha cantidade fixa por tramos de habitantes cunha parte variable que considerará a poboación, os núcleos de poboación, o índice de envellecemento e a superficie do municipio.
Ademais, ratificouse que o Concello dos Blancos recuperará a súa autonomía de xestión o 14 de marzo, tras dous anos coa prestación dos seus servizos mínimos obrigatorios asumida pola Deputación. A partir desa data, o concello asumirá de novo a xestión do abastecemento de auga, saneamento, pavimentación de vías públicas, acceso a núcleos de poboación, iluminación pública e depuración de augas residuais.
A sesión tamén incluíu a esixencia ao Goberno central para o remate da autovía A-56 entre Ourense e Lugo, a defensa do termalismo terapéutico como recurso sanitario estratéxico, e a creación dun plan de choque para a reparación de infraestruturas viarias afectadas polas inundacións. Inclúese tamén unha solicitude de axudas á Consellería do Medio Rural para explotacións agrícolas e gandeiras e a reparación de pistas de concentración parcelaria.
Durante a xornada tomaron posesión as novas deputadas Eva María Pérez Gamote e Susana Rodríguez Rodríguez.
Fonte: www.diariodolimia.gal
