A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), vén de lanzar a primeira edición da Escola de Pastores. Esta iniciativa formativa, que conta co apoio da Fundación La Caixa e do Inorde, busca cubrir a demanda de profesionais no sector agroganadeiro e afrontar o reto do relevo xeracional no medio rural.
Un total de 25 alumnos foron seleccionados para participar nesta primeira edición, que se iniciou en Xinzo de Limia coa presenza da conselleira María José Gómez e do director de Agacal, Martín Alemparte. A iniciativa busca non só ofrecer oportunidades de futuro a quen desexe incorporarse ao campo, senón tamén contribuír á protección do territorio rural.
A conselleira Gómez destacou o papel fundamental do sector ovino e caprino en Galicia, non só pola produción de alimentos de calidade, senón tamén polo seu contributo ao coidado da paisaxe, á prevención de incendios e ao mantemento do medio rural.
A formación, que se estenderá entre os meses de marzo e xullo, consta dun Curso de Aptitude Empresarial Agraria en gandería extensiva de ovino e caprino, impartido por Agacal. Este curso, de 250 horas, outorga unha titulación oficial habilitante e permitirá aos participantes traballar por conta allea ou desenvolver proxectos empresariais propios, ademais de acceder a axudas de incorporación á actividade agraria.
As clases terán lugar no Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia e abordarán contidos sobre xestión de explotacións agrarias modernas, incluíndo empresa agraria, xestión técnico-económica, asociacionismo, comercialización, trazabilidade, prevención de riscos laborais e sensibilización ambiental.
Ademais, o programa inclúe formación específica en agrotecnoloxía, produción de forraxes, alimentación do gando e manexo de gando extensivo. A parte práctica, fundamental na Escola de Pastores, realízase en colaboración con Ovica e a Fundación La Caixa, e inclúe visitas técnicas e estancias en explotacións gandeiras.
Como parte final da formación, cada alumno deberá deseñar un proxecto de empresa agraria, que será presentado ao remate do programa co apoio dun proceso de titorización.
Fonte: www.diariodolimia.gal
