Estudo da USC e do Concello de Xinzo de Limia revela o crucial impacto económico da pataca na comarca
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Concello de Xinzo de Limia presentarán o vindeiro 27 de marzo os resultados do estudo «Análise do sector da pataca e a súa importancia na comarca da Limia». A investigación, dirixida polo profesor Francisco Jesús Ferreiro Seoane, confirma que o cultivo da pataca constitúe o principal motor económico da rexión.
Os datos revelan que a industria e as explotacións ligadas á pataca xeran o 22,7% de toda a facturación da comarca, acadando un volume de negocio de 65,6 millóns de euros no último exercicio analizado. O informe destaca un crecemento da facturación do 70,3% nos últimos cinco anos, pasando dos 38,5 millóns de euros en 2018, o que consolida a Limia como líder do sector agroalimentario galego.
Ademais, a rentabilidade neta do sector experimentou un incremento do 113,7% na última década, duplicando os beneficios. O equipo da USC detallará o informe completo na gala dos Premios Semente, que terá lugar na Casa da Brea (Piñeira Seca). Na presentación abordaranse aspectos clave como a creación de emprego, a modernización do regadío e as iniciativas de innovación e transformación industrial da pataca.
Fonte: www.diariodolimia.gal
