O Concello de Xinzo de Limia, a través da súa Concellería de Mobilidade e a Policía Local, puxo en marcha un dispositivo especial para xestionar a alta densidade de tráfico na vila. O aumento do volume de circulación, agravado pola presenza de vehículos pesados, está a causar retencións significativas, particularmente na glorieta de acceso á autovía A-52.
A presenza policial é case permanente neste punto para regular o tráfico, habilitar circulacións en sentido contrario cando é preciso e evitar bloqueos. Retireouse provisionalmente sinalización vertical para facilitar as manobras de xiro destes transportes especiais e desconxestionar a entrada ao núcleo urbano.
Co fin de aliviar a carga na N-525, recoméndase aos veciños o uso de itinerarios alternativos para os seus desprazamentos internos, suxerindo rutas pola Avenida de Portugal, Pista da Armada e Pista do Cepetal, ou polas rúas San Sebastián, Curros Enríquez e Pista da Devesa.
Este servizo extraordinario de regulación vial súmase ao traballo ordinario da Policía Local, que dende a chegada do último temporal atendeu incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa, como inundacións.
O Concello agradece a comprensión e colaboración cidadá para facilitar tanto a fluidez do tráfico como o labor dos servizos de emerxencia.
Fonte: www.diariodolimia.gal
