Premios Semente recoñecen o sector primario e presentan un estudo sobre o impacto da pataca en Xinzo de Limia
O Concello de Xinzo de Limia celebrará este venres, 27 de marzo, na Casa da Brea (Piñeira Seca) a partir das 18:00 horas, a gala de entrega dos Premios Semente. Esta iniciativa busca pór en valor o esforzo, a traxectoria e a innovación dos profesionais do sector primario do sur da provincia.
A cerimonia galardoará aos gañadores en 10+1 categorías, enfocadas en recoñecer a excelencia no cultivo, o papel das mulleres rurais e o relevo xeracional, destacando a forza dun medio rural vivo.
O evento tamén contará cun marcado carácter técnico e estratéxico coa presentación das conclusións dun estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), encargado polo Concello. Esta investigación analizará o impacto real da pataca na economía rexional, ofrecendo datos obxectivos sobre facturación, creación de emprego e rendibilidade neta.
O Concello anima á veciñanza, empresarios e representantes institucionais a participar nesta xornada que busca reforzar o orgullo polo traballo no agro.
Fonte: www.diariodolimia.gal
