Xinzo de Limia avanza na mobilidade sostible co plan «Xinzo Paso a Paso»
O Concello de Xinzo de Limia continúa a súa aposta por un modelo de mobilidade urbana máis sostible coas novas actuacións incluídas no plan municipal «Xinzo Paso a Paso», centrado na transformación do espazo público e a mellora da seguridade vial.
Finalizaron os traballos de asfaltado na rúa Río Arnoia, entre as rúas Río Sil e Río Miño. Pendentes o pintado da sinalización horizontal e a instalación dun paso de peóns sobreelevado. O investimento ascendeu a 59.998,49 euros, financiados pola Deputación de Ourense.
Ademais, comezará a construción dun novo aparcamento público e gratuíto de 2.700 metros cadrados, con 98 prazas para vehículos e 6 para motocicletas, entre as rúas Río Sil, Río Arnoia e Río Arenteiro. O proxecto, financiado con fondos municipais, supón un investimento de 48.141,62 euros.
Segundo Ramón Gómez, concelleiro de Obras e Mobilidade, búscase unha vila máis funcional e orientada ás persoas, mellorando a mobilidade en zonas con actividade comercial, sanitaria e administrativa.
O plan «Xinzo Paso a Paso» enmarca estas actuacións nunha estratexia municipal para agilizar o tránsito, reducir a presenza de vehículos e recuperar zonas para uso peonil, especialmente en barrios como o Polígono.
Fonte: www.diariodolimia.gal