O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde e do Centro de Información á Muller (CIM), presentou hoxe a programación de actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres, baixo o lema “A igualdade constrúese cada día”.
A xornada central de conmemoración terá lugar o luns 9 de marzo na Praza Maior. As actividades comezarán ás 11:00 horas cunha carreira escolar organizada pola Concellería de Deportes. Seguidamente, ás 11:30 horas, celebrarase unha andaina participativa baixo o lema da campaña. A xornada culminará ás 12:00 horas coa lectura dun manifesto institucional.
Ademais dos actos centrais, o Concello de Xinzo de Limia ten programadas diversas iniciativas ao longo do mes de marzo co obxectivo de promover a igualdade e fomentar a participación social e educativa.
Entre as actividades destacadas atópase o obradoiro “Visibilizándonos”, dirixido ao ámbito educativo, que se desenvolverá no CEIP Carlos Casares os venres 6 e 27 de marzo.
Tamén se levará a cabo o Obradoiro de Autocoidado e Autoestima, orientado ao benestar persoal e destinado ás Asociacións de Mulleres Rurais do municipio, o luns 16 de marzo.
Así mesmo, durante todo o mes de marzo, en colaboración coas asociacións de mulleres rurais de Xinzo de Limia, realizaranse sesións de “Ioga en Igualdade”, centradas no benestar e a sororidade.
Coa esta programación, o Concello busca impulsar actividades de sensibilización, convivencia e participación comunitaria en torno á igualdade entre mulleres e homes, implicando tanto o ámbito educativo como o tecido asociativo do municipio.
Fonte: www.diariodolimia.gal
