​Xinzo debuxa o seu novo Auditorio: o Concello e CESUGA presentan as propostas do alumnado

Dende A Limia

Propostas de Alumnado de Arquitectura para o Futuro de Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo de Limia presentou as propostas de deseño para o futuro Auditorio Municipal e a reurbanización da contorna do antigo campo da feira, elaboradas polo alumnado do Grao en Arquitectura do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA).

O evento contou coa presenza do alcalde de Xinzo, Amador Díaz Penín, o presidente de CESUGA, Venancio Salcines Cristal, a directora do Grao en Arquitectura, Silvia Blanco Agüeira, e os cinco grupos de estudantes que expuxeron as súas ideas e maquetas.

Esta presentación marca o primeiro resultado visible do convenio de colaboración entre o Concello e CESUGA, co obxectivo de unir as necesidades da vila co talento universitario. O acordo busca achegar ideas arquitectónicas de vangarda á localidade, mentres que os estudantes se enfrontan a un reto urbanístico e social real.

O alcalde destacou a profunda transformación que Xinzo está a vivir, apostando polo talento novo e as ideas frescas. Amador Díaz expresou a súa impresión pola calidade dos proxectos presentados, agradecendo a creatividade e innovación ao servizo do municipio.

Pola súa banda, Venancio Salcines subliñou que as maquetas representan «cinco maneiras de entender como Xinzo quere encontrarse consigo mesma», destacando a sensibilidade coa que os estudantes souberon escoitar o territorio.

Tras as intervencións no Concello, autoridades, equipo académico e asistentes desprazáronse á Casa da Cultura para inaugurar a exposición física das propostas. A mostra, que inclúe maquetas, infografías e lonas expositivas, estará aberta ao público durante todo o mes de abril.

O Concello tamén anunciou que o traballo conxunto con CESUGA continuará con novos retos estratéxicos. No mes de maio presentaranse as propostas para renovar a marca e identidade visual do municipio, e en xuño verán a luz as ideas para protexer e revitalizar o patrimonio do Mosteiro de Trandeiras.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA