A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez Dobarro, para informar sobre as liñas de axudas dispoñibles para concellos en materia de abastecemento e saneamento de auga. Augas de Galicia conta cun orzamento de 7 millóns de euros para apoiar municipios e entidades locais menores de 50.000 habitantes.
As axudas céntranse en obras para reducir fugas nas redes de abastecemento e infiltracións nas de saneamento, así como en proxectos de renovación ou instalación de sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados e auditorías de sistemas municipais.
Durante o encontro, avaliouse a posibilidade de que o Concello de Muíños solicite axudas para mellorar as redes de saneamento nas zonas de Tourós e Abelleira. Ademais, o alcalde presentou proxectos para optimizar o servizo de abastecemento, que serán avaliados por Augas de Galicia para determinar a súa viabilidade e posibles colaboracións.
Tamén se abordaron as iniciativas para a posta en valor da aldea de Salgueiro, co obxectivo de convertela na primeira aldea saudable do mundo. A primeira fase deste proxecto, prevista para 2026, inclúe a restauración da capela, a palleira e a praza, e tamén se continuará co proxecto dunha residencia de artistas.
Fonte: www.dendealimia.com
