O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, xunto co alcalde de Ribadavia, César Fernández, visitou o CEIP Ribadavia para presentar o programa de prevención do consumo de alcohol e bebidas enerxéticas ‘Apuntámonos a non beber’.
Este programa está dirixido a alumnos de entre 11 e 14 anos, idades nas que se detectan os primeiros contactos con estas substancias. Forma parte do ‘Plan Proxecta+’, unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Os centros escolares que implementen o programa fomentarán que cada aula elabore unha campaña de contrapublicidade en formato audiovisual, cartel ou slogan, ademais de participar en charlas e intervencións impartidas por profesionais sanitarios.
Estas sesións abordarán temas como a definición de adición, as consecuencias do consumo de alcohol na saúde, os riscos, as recomendacións da OMS, o problema social, a lexislación galega vixente, os mitos e o papel das familias na promoción de hábitos saudables.
O persoal docente terá un papel fundamental no desenvolvemento do programa, implicándose nas intervencións co alumnado e as familias. O programa deseñouse como un proxecto interdisciplinar e tema transversal dentro do Proxecto Educativo do Centro, integrado na Educación para a Saúde durante todo o curso.
As actividades desenvólvense en dúas fases (de novembro a xaneiro e de febreiro a maio) e son implementadas por persoal técnico da Consellería de Sanidade. Realizaranse cuestionarios e enquisas ao alumnado, familias e profesorado para unha avaliación global.
O programa xa se desenvolveu en varios centros educativos de Ourense e tamén se programaron intervencións en CPR Luis Vives e CPI José García García de Ourense.
O ‘Plan Proxecta+’ busca fomentar a innovación educativa nos centros, o desenvolvemento de competencias clave, elementos transversais e os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
Fonte: www.dendealimia.com
