Andaina Cultural pola Limia
O pasado sábado 28 de marzo, o CDR O Viso, en colaboración co Concello de Sandiás, organizou unha andaina que reuniu a veciños de diversas idades da comarca da Limia. O percorrido, que partiu do lugar de «A Nogueira» e tivo como destino a área recreativa de Piñeira de Arcos, serviu para descubrir recunchos fermosos da comarca e puxo en valor a mellora dun itinerario que tamén facilita o tránsito seguro de peregrinos da Vía da Prata.
Esta iniciativa enmárcase no programa «Coñecer, Sentir e Vivir Sandiás», dedicado este ano ao xeógrafo Ramón Otero Pedrayo. A xornada permitiu a nenos e adultos conectar coa natureza e o patrimonio da zona. Os máis pequenos exploraron o contorno, recollendo elementos naturais e mostrando curiosidade polos detalles do camiño. Os adultos puideron coñecer a riqueza paisaxística e o patrimonio cultural da «Verea Vella».
A andaina tamén tivo unha vertente de concienciación ambiental, recollendo lixos e plásticos atopados ao longo do itinerario. Ademais, houbo momentos culturais para aprender sobre topónimos, a diferenza entre camiños reais e de peregrinación, a historia de personaxes ilustres que pasaron pola zona, e elementos etnográficos como os lavadoiros de río e a arquitectura da auga.
A pesar das dificultades do terreo nalgunhas zonas, que impediron visitar todos os puntos previstos, a actividade finalizou coa entrega de premios a quen soubo responder preguntas sobre a memoria e a historia percorrida. A organización destacou o carácter interxeracional da iniciativa como ferramenta para potenciar as capacidades sociais de maiores e nenos, e como unha forma de conectar co patrimonio material e inmaterial.
A actividade foi financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a través de axudas do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas, co obxectivo de pór en valor o patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico e humano.
Fonte: www.sandias.es
