Os traballos de investigación levados a cabo durante máis de tres décadas por o historiador e gran coñecedor das historias do Couto Mixto, Luis García Mañá, sobre as particularidades xurisdicionais deste enclave que separou social e administrativamente durante séculos a Portugal de España, deron lugar, no ano 1998, a organizar un acto no adro da igrexa parroquial de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín), destinado a recuperar e reivindicar a memoria histórica desaparecida no século XIX, co tratado de Lisboa do ano 1864, tratado que marcaba os novos límites da fronteira e que foi acordado entre os gobernos español e portugués que acabaron cos privilexios do Couto Mixto.
Pola firma de dito tratado Portugal cedeu o Couto Mixto a cambio da soberanía portuguesa sobre os “pobos promiscuos”, territorio en situación análoga á do Couto Mixto que estaba formado polos pobos de Soutelinho, Cambedo e Lamadarcos, delimitouse a nova fronteira e revisouse a situación en 1866 e 1896. Os habitantes do Couto que quixesen conservar a nacionalidade portuguesa podían facelo comunicándoo ás autoridades locais, segundo estableceu o Tratado.
Escribe Luís García Mañá, que o “Couto Mixto foi un territorio de natureza político-administrativa complexa, xeograficamente enclavado en Galicia, vinculado historicamente a Portugal, a través de certa dependencia ás antigas casas nobiliarias de Bragança e de Monterrei. Os seus habitantes podían escolle-la nacionalidade de calquera dos dous grandes países veciños, prescindindo mesmo deste requisito, para figurar só como cidadáns do Couto […] Nalgúns intres os “mixtos” renunciaron a unha determinada nacionalidade, co único fin de aproveita-los seus privilexios ata o límite de non ser molestados polas autoridades administrativas e políticas galegas ou transmontanas”[1].
Miro no adro de Santiago de Rubiás coa estatua de Delfín Modesto Brandón, o último xuíz do Couto Mixto.
O Couto tiña o privilexio de goberno propio, o xuíz que era o xefe político, xudicial e gobernativo, coa colaboración dos “homes do acordo” que eran dous por cada pobo e polo “vigairo do mes”, que era o encargado de executar e poñer en práctica as medidas adoptadas pola autoridade do Couto.
Na fermosa veiga do Val do Salas, nun campo entre os tres pobos, os veciños de Santiago, Rubiás e Meaus reuníanse, cada tres anos, democraticamente e logo das correspondentes deliberacións elixían o xuíz que os gobernaría o próximo trienio. O xuíz era o que designaba os seis “homes do acordo” entre os veciños mellor considerados de cada un dos tres pobos do Couto, dous por cada aldea.
No adro da igrexa de Santiago de Rubiás inda se conserva o longo banco de pedra que era utilizado polos chamados “homes do acordo” e a máxima autoridade do couto o xuíz do Couto Mixto, lugar onde se celebraban os chamados “concellos abertos”. Os “homes do acordo” e o “xuíz” eran o máximo órgano de goberno co que contaban os moradores do Couto.
Toma de posesión do representante dos dereitos da Duquesa de Bragança en 1756.
Unha das peculiaridades do Couto era o “camiño privilexiado” que atravesaba e discorría desde o Couto Mixto ata Tourém, do que os veciños tiñan dereito de paso e, aínda que discorría en certos tramos por territorio español, as autoridades non tiñan xurisdición sobre el. Entre os privilexios do Couto, aparte do autogoberno, destacaban a exención de impostos tanto españois como portugueses, dereito de libre comercio, dereito de posuír armas de defensa ou de caza sen precisar licencias, dispensa de servizo militar aos dous países. Dereito de asilo, as xustizas portuguesa e española non podían prender dentro do perímetro do Couto, aos foraxidos que alí se refuxiasen, salvo para determinados delitos coma homicidios. Había liberdade de cultivos polo que podían cultivar ata tabaco e a súa manipulación, entre outros.
Tamén tiñan dereito a vender e mercar nas feiras e mercados, aos que tiñan por tradición asistir os veciños do Couto, tanto lusos como galegos sen ter pagar impostos. Os seus habitantes tiñan dereito a poder escoller a nacionalidade[2], como portugueses ou españois, segundo o seu interese, pero non se consideraban suxeitos de ningunha das dúas Coroas. En certos casos aceptaban algunha xurisdición portuguesa ou española. Cando era necesaria a intervención xudicial, cada veciño recorría á xustiza do país da que tiñan a nacionalidade.
O arquivo documental do Couto Mixto gardábase nunha arca de tres chaves na que se tiñan depositados os importantes documentos cos seus dereitos, privilexios e particularidades do lugar. Documentos que na súa maior parte desapareceron co paso das tropas francesas en 1809. Esta arca, depositada na sancristía da igrexa de Santiago de Rubiás, abríase despois de destrabar as tres pechaduras coas que contaba, unha que estaba en poder do xuíz do Couto (a quen lle correspondía ter en depósito a do seu pobo), e as outras dúas estaban en poder de dous dos pobos de Santiago, Rubiás ou Meaus. Todos os depositarios tiñan a obriga de asistir a cerimonia de apertura. Xunto con eles tamén eran convocados catro homes, escollidos por cada pobo como testemuñas e garantes do acto.
Na actualidade e partir do ano 1998 e na igrexa de Santiago de Rubiás, vense celebrando o nomeamento de “Xuíces Honorarios”, lembrando as reunións que antigamente se realizaban no Couto Mixto, así como o encontro anual dos membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto. Finalizan os solemnes actos cunha popular comida campestre animada por música popular galega. Lamentablemente e debido a pandemia do Covid19, desde o ano 2019 non se ten volto a celebrar. Esperamos e desexamos que no ano 2022 esta xornada festiva se poda desfrutar e organizar coma sempre.
[1] García Mañá, L. 2000. P. 26.
[2] Escribe Gª Mañá que Delfín Modesto Brandón, o último xuíz do Couto, puntualiza na súa “Historia del Coto Mixto” que as casas sinalaban sobre as portas da entrada con letra “E” que correspondía aos habitantes españois, mentres os portugueses sinalábanas coan letra “P”.
Fontes:
García Mañá, L. 2000. Couto Mixto. Unha República esquecida. Servicio de publicaciones da Universidade de Vigo.
Montalegre. Memoria e historia. 2005. Ediçiăo da Barrosana, E.M.
Prensa: La Región e La Voz de Galicia.
[
Fonte: historiadexinzo.wordpress.com